Moscova desactiva a alerta antiterrorista após o motín de Wagner

A situación na capital de Rusia e na rexión é agora "estábel", logo de pactar unha tregua co líder do grupo paramilitar, Yevgeni Prigozhin.
Vehículos militares o pasado sábado en Rostov, cidade tomada polas forzas de Wagner. (Foto: Vladimir Konstantinov / Xinhua News)
photo_camera Vehículos militares o pasado sábado en Rostov, cidade tomada polas forzas de Wagner. (Foto: Vladimir Konstantinov / Xinhua News)

O Goberno ruso dá por controlada definitivamente a ameaza desatada o pasado sábado polo grupo Wagner após tomar a cidade de Rostov e dirixir as súas tropas cara a Moscova, unha ofensiva militar que foi neutralizada horas despois após asinar un acordo co líder dos mercenarios, Yevgeni Prigozhin, que implicaba a súa saída rumbo a Bielorrusia e a retirada dos cargos por traizón contra el, así como garantías de non encausar os membros de Wagner polo sucedido. O presidente de Rusia, Vladímir Putin, cualificou o sucedido de "motín militar" e afirmou, antes de pactar a tregua, que os responsábeis serían "castigados".

E na mañá desta segunda feira a axencia rusa Tass informaba da anulación do réxime da operación antiterrorista na cidade de Moscova e no conxunto da rexión homónima. "Ao abeiro da Lei federal 'sobre o combate ao terrorismo' do 6 de marzo de 2006, debido á ausencia de ameazas á vida, a saúde, a propiedade e outros intereses legalmente protexidos das persoas, o xefe da operación antiterrorista, o xefe do FSB —Servizo Federal de Seguridade— de Rusia para a cidade de Moscova e a rexión de Moscova decidiu cancelar o réxime legal da operación antiterrorista a partir das 9h [hora local] do 26 de xuño de 2023", reza a mensaxe difundida polo FSB.

As autoridades informaron de que adoptaron esta decisión porque a situación en Moscova, unha vez abortados os plans de Prigozhin, é "estábel". Esta foi a primeira vez na historia que se aplicaba a alerta antiterrorista nas rexións de Moscova e Voronezh, onde tamén foi xa desactivada.

As causas da tentativa de Wagner de tomar o poder en Rusia están aínda por aclarar; porén, enmárcanse na tensión entre a dirección deste grupo paramilitar e os responsábeis do Exército sobre a dirección do conflito bélico en Ucraína. As discrepancias manifestadas por Prigozhin durante a batalla de Bakhmut tiveron continuidade nas últimas semanas, sendo cada día máis grande a fenda co Ministerio de Defensa. O voceiro do Goberno ruso, Dmitri Peskov, afirmou o domingo que a preocupación principal do país está no conflito con Ucraína e asegurou que o acontecido "non afectará en absoluto o curso da operación especial militar, que continuará".

A Fiscalía Xeral de Rusia investiga o levantamento armado de Wagner

Malia que na noite do sábado Rusia informou de que o acordo con Yevgueni Prigozhin para acabar co levantamento armado de Wagner incluía amais da súa marcha a Belarús a retirada dos cargos de traizón contra el, a Fiscalía Xeral de Rusia trasladou a axencia Tass que o caso "non está fechado, a investigación continúa".

O delito de traizón, imputado pouco antes do comezo do levantamento, que obrigou a implantar medidas antiterroristas en varias rexións rusas, supón de 12 a 20 anos de prisión. Ademais, o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, insistiu en que os países occidentais  "deixamos claro que non estábamos involucrados", reiterando que "foi parte dunha loita dentro do sistema ruso".

Ao tempo, Prigozhin afirmou que o levantamento non buscaba derrocar o Goberno do presidente Vladimir Putin, "elixido democraticamente", subliñando que o obxectivo era "evitar a destrución de Wagner e levar ante a Xustiza quen cometeu tantos erros no curso" da invasión a Ucraína.

Comentarios