Wagner cesa no seu levantamento e Prigozhin abandona Rusia

O xefe do grupo Wagner, Evgueni Prigozhin, puxo fin ao motín comezado na xornada de onte e deu orde aos seus fieis a regresar as súas bases. A decisión chegou após un proceso de negociación liderado polo presidente de Belarús,  Alexandr Lukashenko
Yevgueni Prigozhin, xefe do grupo Wagner.
photo_camera O xefe do grupo Wagner, Evgueni Prigozhin

A tentativa militar liderada polo propietario do grupo de mercenarios Wagner chegou ao seu fin. Segundo explicou o voceiro do Goberno ruso, Dimitri Peskov, o acordo responde “a evitar derramar sangue e a confrontación interna”.

O Executivo ruso anula a causa penal aberta na xornada de onte contra Evgueni Prigozhin, que deberá abandonar o país e fixará o seu enderezo en Belarús.

Peskov afirmou que “os combatentes de Wagner que participaron nos sucesos de hoxe non serán procesados” e aqueles que o desexen “poderán asinar un contrato co Ministerio de Defensa”.

 

As causas da tentativa de Prigozhin están aínda por aclarar porén enmárcanse na tensión entre a dirección deste grupo e os responsábeis militares sobre a dirección do conflito con Ucraína.

As discrepancias manifestadas por Prigozhin durante a batalla de Bakhmut tiveron continuidade nas últimas semanas, sendo cada día máis grande a fenda co Ministerio de Defensa.

O voceiro do Goberno ruso afirmou que a preocupación principal do país está no conflito con Ucraína e asegurou que o acontecido “hoxe non afectará en absoluto o curso da operación especial militar e a operación continuará”.

Peskov destacou “os importantes éxitos colleitadas polas tropas rusas na fronte ucraína, repelendo a ofensiva da OTAN”. 

 

Comentarios