Rusia acusa Ucraína de realizar un ataque con drones contra Moscova

Alemaña reafirma o seu compromiso con Kiív.
Modelo de dron empregado polas Forzas Armadas de Ucraína (Foto: Alex Chan Tsz Yuk / Europa Press / Contacto).
photo_camera Modelo de dron empregado polas Forzas Armadas de Ucraína (Foto: Alex Chan Tsz Yuk / Europa Press / Contacto).

O Goberno de Rusia acusou esta terza feira Ucraína "dun ataque terrorista" despois de proceder ao derrubamento de catro drones nos arredores de Moscova. O Executivo ruso apuntou que entre os obxectivos do ataque repelido había "infraestrutura civil", incluído o Aeroporto Internacional de Moscova-Vnúkovo.

"Esta mañá [por esta terza feira] frustrouse un intento do réxime de Kiív de levar a cabo un atentado terrorista con cinco drones contra obxectivos nas rexións de Moscova e Nova Moscova [nos arredores da capital]", sinalou o Ministerio de Defensa ruso.

Así, especificou que "os sistemas de defensa aérea destruíron catro drones ucraínos en Nova Moscova", antes de agregar que un quinto aparato "foi eliminado con medios de guerra electrónica e estrelouse no territorio do distrito de Odintsovo, na rexión de Moscova". "Non hai vítimas nin danos", afirmou o departamento.

Pola súa parte, a portavoz do Ministerio, Maria Zajarova, apuntou que "o intento do réxime de Kiív de atacar unha zona onde hai infraestrutura civil, incluído o aeroporto, que, por certo, acepta voos estranxeiros, é outro acto de terrorismo".

Tamén esta terza feira, o chanceler alemán, Olaf Scholz, asegurou durante unha chamada ao presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, que o Estado xermano seguiralles apoiando de forma "continúa e inquebrantábel".

"Xuntos facemos un chamamento á extensión do acordo do gran en vista da situación alimentaria mundial", sinalou Scholz tras a chamada. "Alemaña axudou Ucraína coa defensa aérea dunha maneira moi poderosa", comentou Zelenski.

A OTAN renova un ano o mandato de Stoltenberg

Os Estados da OTAN decidiron esta terza feira ampliar un ano máis, até outubro de 2024, o mandato de Jens Stoltenberg como secretario xeral da alianza militar. "Síntome honrado pola decisión dos aliados da OTAN de prorrogar o meu mandato como secretario xeral até o 1 de outubro de 2024", expresou Stoltenberg tras coñecerse a decisión.

Comentarios