VÍDEO | O Kremlin denuncia un "intento de asasinato" a Putin con drons

"A parte rusa resérvase o dereito de tomar medidas de represalia onde e cando o considere oportuno", declarou o servizo de prensa do Kremlin.
Momento da explosión do dron encima do edificio do Kremlin (Foto: captura de pantalla).
photo_camera Momento da explosión do dron encima do edificio do Kremlin (Foto: captura de pantalla).

Segundo un video difundido nas redes sociais, o Kremlin, sede do Goberno ruso, sufriu un ataque con drons na madrugada desta cuarta feira.

Esta acción é considerada como un “intento de asasinato” contra o presidente Vladimir Putin, sinalou o Kremlin, que cualificou o ataque como un “acto terrorista planificado”.

"Como resultado das accións oportunas tomadas polos servizos militares e especiais co uso de sistemas de guerra por radar, os vehículos quedaron fóra de servizo", precisou o servizo de prensa do Kremlin, agregando que dous vehículos aéreos non tripulados apuntaban ao Kremlin.

"Consideramos estas accións como un acto terrorista planificado e un atentado contra o presidente, realizado en vésperas do Día da Vitoria, o Desfile do 9 de Maio, no cal tamén está prevista a presenza de invitados estranxeiros", agregou.

Nin Putin nin ningunha outra persoa resultou ferida no ataque. O horario de traballo do mandatario non cambiou, aseguran desde o Goberno ruso.

Tampouco se produciron danos materiais por mor dos fragmentos de drons que caeron no Kremlin.

Posíbeis represalias

"A parte rusa resérvase o dereito de tomar medidas de represalia onde e cando o considere oportuno", declarou o servizo de prensa do Kremlin.

Comentarios