Drama humanitario en Myanmar: a ditadura militar executa opositores e activistas por vez primeira en décadas

"Que máis ten que facer a Xunta Militar para que a comunidade internacional responda?", pregunta o relator especial da ONU en Myanmar.
Militares do Exército birmano, que en febreiro de 2021 deu un golpe de Estado que tombou o réxime democrático. (Foto: Alexey Maishev / Sputnik)
photo_camera Militares do Exército birmano, que en febreiro de 2021 deu un golpe de Estado que tombou o réxime democrático. (Foto: Alexey Maishev / Sputnik)

Hai xa un ano e medio que o Exército de Myanmar deu un golpe de Estado no país que derrocou o Goberno de Aung San Suu Kyi (Liga Nacional para a Democracia). Desde entón, segundo os cálculos de diferentes ONGs, máis de 10.000 persoas foron detidas de forma arbitraria e até 2.000 morreron a mans das forzas e corpos de seguridade do Estado, entre elas unhas 142 crianzas, segundo a ONU.

Esta segunda feira o país volveu ser noticia, logo de transcender a execución de catro opositores políticos e activistas pola democracia a quen se lles aplicou a pena capital por vez primeira en máis de 40 anos. O último condenado a morte fora o líder estudantil da etnia chin Salai Tin Maung Oo, aforcado en prisión en 1976 por parte do tamén réxime ditatorial de Ne Win.

Os catro presos foran condenados previamente por presuntos "actos de terror, brutais e inhumanos" e entre eles figuraba un ex deputado do antigo partido do Goberno, Ko Thaw. A Xunta Militar que agora dirixe con man de ferro o país non informou de cando ou como foron asasinados e limitouse a dicir que as execucións decorreron "segundo o procedemento da prisión".

Desde o golpe de Estado de febreiro de 2021 ditáronse máis dun cento de sentencias de morte por parte de tribunais militares, unha cuestión que está a suscitar a conmoción e fonda preocupación da comunidade internacional.

Así, o relator especial da ONU para a situación dos Dereitos Humanos en Myanmar, Tom Andrews, pediu que estas execucións sirvan como "punto de inflexión" para "dar un paso á fronte e tomar medidas" ante a grave crise que atravesa o país.

"Estes individuos foron xulgados e condenados por un tribunal militar sen teren o dereito a apelar a decisión xudicial e sen contar con ningún tipo de asesoramento legal, nunha clara violación dos Dereitos Humanos", esgrimiu o diplomático.

"Que máis ten que facer a Xunta [Militar] para que a comunidade internacional responda?", cuestionou Andrews, a respecto do "asasinato sistemático de manifestantes, os ataques indiscriminados contra localidades e agora a execución de líderes opositores".

Comentarios