Opinión

A pasividade da comunidade internacional agrava a crise en Myanmar

O golpe de Estado do Tatmadaw en 2021 provocou un enorme rexeitamento no país e unha ampla condena internacional. Desde entón a comunidade internacional vén amosando a súa preocupación pola crecente violencia ao longo do país e pola represión que o exército está a exercer contra a poboación. 

En xuño, a Asemblea Xeral da ONU condenou o golpe militar e a violencia do exército, esixiu a restauración da transición democrática, a liberación de todas as persoas detidas e solicitou un embargo de armas nunha resolución que amosaba a ampla oposición mundial á xunta militar e o seu total illamento na esfera internacional.

Pola súa banda o Consello de Seguridade manifesta unha parálise total e as declaracións de condena da violencia e os chamamentos para a liberación das persoas detidas, incluída Aung San Suu Kyi, quen enfronta case unha ducia de cargos que poden rematar con penas de prisión de máis de 100 anos, revélanse insuficientes para resolver a situación. 

A Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN) procurou tomar a iniciativa mais con escaso éxito. É unha organización que presenta diferencias importantes entre os seus membros e os principios fundamentais de non interferencia nos asuntos internos dos estados membros e o necesario consenso para acadar acordos limita a súa capacidade para abordar este tipo de crises.

O cumio da ASEAN celebrado en Iakarta en abril, coa asistencia do xeneral Min Aung Hlaing, que xerou fortes críticas pola lexitimidade que se lle outorgaba á xunta militar, rematou cun acordo sobre "5 Puntos de Consenso" para a resolución da crise, que foi recibido con fortes críticas por organizacións de dereitos humanos e o Goberno de Unidade Nacional, composto por políticos electos destituídos polos militares e por representantes dos grupos étnicos, alegando que as conclusións non reflicten a situación e aspiracións reais da cidadanía de Myanmar. O plan non presenta un cronograma e a declaración non menciona a posta en liberdade dos milleiros de persoas detidas.

Mentres a xunta militar amosou axiña a súa nula intención de implementar o acordo e continuou co seu plan de restaurar a estabilidade mediante a represión, a ASEAN non adoptou ningunha decisión relevante que tivera impacto na xunta militar de cara a avanzar na aplicación do plan.

A historia demostra que a diplomacia non axuda á resolución da crise de Myanmar e as sancións económicas aplicadas con anterioridade nunca tiveron efecto para dobregar un exército acostumado a convivir con elas. Cómpren medidas máis duras e concretas, como o embargo de armas, maiores sancións económicas e a rendicións de contas polos terríbeis crimes cometidos polo Tatmadaw.

Myanmar deslízase cara ao caos e o exército, responsábel do xenocidio contra o pobo rohingya e crimes de guerra noutras partes do país, actúa con total impunidade grazas á pasividade da comunidade internacional, en quen a poboación do país do sueste asiático xa non ten a máis mínima confianza.

Comentarios