Rexístrase o Grupo Plural no Congreso

Un total de 15 deputadas e deputados do BNG, Junts, Más País, Compromís, PRC, Teruel Existe e CC-Nueva Canarias forman o Grupo Plural no Congreso baixo criterios de operatividade e non de afinidade ideolóxica.

Congreso dos Deputados [Imaxe @congreso]
photo_camera Congreso dos Deputados [Imaxe @congreso]

As pasadas eleccións xerais deixaron un Grupo Mixto no Congreso de 21 representantes de 11 formacións diferentes, o que implica moi escasos tempos de intervención para os partidos políticos que o conforman.

Así, baixo criterios de operatividade, de ter capacidade operativa e de intervención política e non por razóns de afinidade ideolóxica, anunciouse esta quinta feira, 19 de decembro, a conformación do Grupo Plural. Nel estarán o deputado do Bloque Nacionalista Galego, as oito actas de Junts per Catalunya, as dúas de Más País, o deputado de Compromís, o do Partido Regionalista Cántabro, o de Teruel Existe, a de Coalición Canaria e o de Nueva Canarias.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, en declaracións a Sermos Galiza, asegura que "o grupo está constituído con criterios de operabilidade, non de afinidade ideolóxica, para ter máis capacidade operativa e de intervención política". "Ao ter un mínimo de 15 deputadas non hai posibilidade de que o tombe a Mesa", sinala.

Desde estas formacións asegúrase que o Grupo Plural cumpre co regulamento ao ter o mínimo exixido de 15 deputadas e deputados e sinalan que non cabe posibilidade de ser tombado pola Mesa do Congreso, como aconteceu co anterior intento destas formacións de dividir o Mixto.

De feito, 11 de decembro apresentárase o Grupo Parlamentario Múltiple (GPM), conformado polo Bloque Nacionalista Galego, Compromís, Más País e Junts per Catalunya. Mentres, UPN (Navarra Suma), Coalición Canaria , o PRC e Teruel Existe formaran o seu propio grupo coa denominación de España Plural. Ambas as dúas propostas de grupo foron rexeitadas pola Mesa.

Comentarios