Resposta de Madrid: o TC anula as partidas dos orzamentos cataláns destinadas ao referendo

Acción, reacción. O día despois de o bloco soberanista apresentar a lei do referendo, e aínda cos ecos da ameaza militarista proferida por Cospedal, o Tribunal Constitucional resolveu esta cuarta feira anular as partidas dos orzamentos cataláns destinadas ao referendo. Tamén hoxe o ex presidente do goberno Felipe González deu azos a Rajoy para suspender a autonomía de Catalunya en aplicación do artigo 155 da Constitución.

Tribunal Constitucional
photo_camera Tribunal Constitucional

O TC decidiu anular todas as disposicións previstas nos orzamentos da Generalitat para financiar a consulta autodeterminista que o Govern pretende realizar o próximo 1 de outubro.

O que vén dicer o TC é que o Govern non pode usar as partidas destinadas a procesos eleitorais para financiar o referendo. Si as podería utilizar eventualmente para sufragar unhas eleccións antecipadas. Cumpre lembrar que a Lei de Referendo contempla que no caso de gañar o Non na consulta, o Parlament se disolvería e Catalunya iría a novos comicios.

A sentenza do TC cualifica de "inconstitucional" o apartado dos orzamentos -disposición adicional 40- en que se contempla a habilitación de partidas para "garantir os recursos necesarios en materia de organización e xestión para facer fronte ao proceso referendario sobre o futuro político de Catalunya". Este texto foi incorporado aos orzamentos a meio dunha emenda formulada pola CUP.

A ofensiva de Madrid non se limita ao ámbito xurídico. No estritamente político, Rajoy aproveitou esta cuarta feira para, nunha comparecencia pública, cualificar o procés de "delirio autoritario e frontista". Para dar mostras de unidade española, tres ex presidentes -Felipe González, José María Aznar, José Luis Rodríguez Zapatero- protagonizaron tamén hoxe un evento conxunto co pretexto dos 40 anos de celebración das primeiras eleccións do réxime de 1978, un acto que acabou por se converter nun panfleto contra o referendo. Sobranceou entre as intervencións a de Felipe González. O ex líder do PSOE -recentemente derrotado na pugna interna por Pedro Sánchez- defendeu a tese de que tan constitucional como o estado das autonomías é o artigo 155, aquel que prevé a suspensión dunha autonomía e a asunción das súas competencias polo Estado.

Que di o artigo 155 da CE?

O teor literal do artigo é o seguinte: "Se unha comunidade autónoma non cumprise as obrigas que a Constitución ou outras leis lle impoñan, ou actuase de forma que atentase gravemente contra o interese xeral de España, o Goberno, previo requerimento ao presidente da Comunidade Autonóma e, no caso de non ser atendido, coa aprobación por maioría absoluta do Senado, poderá adoptar as medidas necesarias para obrigar aquela ao cumprimento forzoso das devanditas obrigas ou para a protección do devandito interese xeral".


Nótese que non é preciso o respaldo da maioría absoluta do Congreso -nesa cámara a direita española non a ten-, senón que abonda coa do Senado, onde o PP -grazas a unha lei eleitoral claramente nesgada a favor dos intereses das forzas conservadoras- si dispón desa maioría reforzada.

Comentarios