A vía militar foi suxerida pola ministra de Defensa

"El Mundo" apoia o "recurso ao exército" face o referendo catalán

Ruído de sables en Madrid, no mínimo no plano retórico, após o bloco soberanista apresentar a lei do referendo. O diario El Mundo publicou hoxe un editorial en que defende abertamente o "recurso ao exército" en Catalunya, o que constitúe de facto un respaldo ao discurso de ton subrepticiamente belicoso proferido esta terza feira pola ministra de Defensa, María Dolores Cospedal.

María Dolores Cospedal, ministra de Defensa. 4 de xuño de 2017
photo_camera María Dolores Cospedal, ministra de Defensa, pasa revista ás tropas

A ministra de Defensa adoptou esta terza feira un ton abertamente desafiante e militarista face o novo paso adiante dado polo bloco soberanista catalán. Nun acto realizado con motivo do 40 aniversario da criación do MInisterio de Defensa, Cospedal afirmou literalmente o seguinte: "Por terra, mar e ar, as Forzas Armadas e a Garda Civil atópanse onde sexa preciso para protexeren os valores da democracia e da Constitución, mais tamén a integridade e soberanía", en directa alusión a un procés catalán que onte deu un claro acelerón.

A caverna xornalística madrileña non demorou nen un chisco en respaldar a declaración marcial da ministra e, destarte, o diario El Mundo editorializa esta cuarta feira nestes termos: "É evidente, após a purga do conseller que se atreveu a dubidar da consulta, que Puigdemont e os seus aliados decidiron meter o acelerador para forzar o choque co Estado. A única resposta posíbel continúa a radicar na lei, o que inclúe o recurso ao Exército, tal como suxiriu Cospedal".

As e os portavoces do bloco soberanista enfatizan que o referendo de 1-O si será vinculante, non como a consulta de 9N de 2014

E o rotativo madrileño acrecenta: "O Goberno ten a lexítima forza para deter a arbitrariedade e a falacia contraria a Direito coa que o separatismo leva a Catalunya a un beco sen saída".

Mentres tanto, as e os portavoces do bloco soberanista -ERC, PDeCAT e CUP, que esta terza feira apresentaron conxuntamente a Lei do Referendo- enfatizan que o referendo de 1-O si será "vinculante" e si terá efeitos xurídicos, non como a consulta de 9N de novembro de 2014.

Comentarios