Dez países que suman o 2,5 do PIB mundial acollen máis do 56% do total

Refuxiados e migrantes, non grazas

Son cifras dadas a coñecer nun informe elaborado por Amnistía Internacional a partir de datos de ACNUR, da Axencia da ONU para a Axuda aos Refuxiados Palestinos, de gobernos e ONG. 

Refuxiados sirios chegando a Grecia
photo_camera Refuxiados sirios chegando a Grecia

Como exemplo, o Líbano e Irlanda teñen unha poboación similar, por volta de 4.5 millóns de habitantes. A economía irlandesa é cinco veces maior do que a do Líbano mais mentres este país acolle 1.1 millóns de refuxiados  Irlanda só 768. Nova Zelandia, con poboación similar e unha superficie de 268.000 km2, mais unha renda per cápita de 42.000 dólares ano, acolle 250.

Só 10 dos 193 países do mundo albergan máis da metade das persoas refuxiadas. Uns poucos países vense obrigados a facer moito máis do que lles corresponde, simplemente, pola súa proximidade a zonas de crises. "Esta situación é intrinsecamente insustentábel e aboca a un sufrimento e miseria intolerábeis os millóns de persoas que foxen da guerra e a persecución en países como Siria, Sudán do Sur, Afganistán e Iraq", afirma o secretario xeral de Amnistía Internacional, Salil Shetty para continuar  "É hora de que os líderes establezan un debate serio e construtivo sobre o modo en que a nosa sociedade axudará as persoas que se ven obrigadas a abandonar os seus fogares por mor da guerra e a persecución"

O mundo rescata bancos, desenvolve novas tecnoloxías e participa en guerras, mais é incapaz de ofrecer un fogar seguro a 21 millóns de persoas refuxiadas, 0,3 % da poboación mundial.

Unha crise para alén do Mediterráneo
A crise de refuxiados non se limita ao Mediterráneo. En todo o mundo, as vidas das persoas refuxiadas corren perigo, xa sexa en embarcacións abarrotadas, vivindo en condicións abxectas, con risco de sufrir explotación ou emprendendo perigosas viaxes nas que están a mercé de contrabandistas e grupos armados. Os líderes mundiais deben establecer un sistema xusto de repartición da responsabilidade de as socorrer ”  declarou Salil Shetty. O informe incide na apremiante necesidade de os gobernos aumentaren substancialmente o número de persoas refuxiadas que reciben e documenta o drama dos refuxiados en todos os continentes.

Devolucións a zonas de conflito

Un crecente número de persoas refuxiadas foxen a Paquistán e Irán desde Afganistán debido á intensificación do conflito. Os refuxiados afgáns en Paquistán sofren unha fustigación cada vez maior por parte das autoridades, que xa obrigaron a máis de 10.000 persoas a regresaren a un país devastado pola guerra.

En Kenia, as persoas refuxiadas no campo de Dadaab reciben presións para regresar a Somalia. O goberno pretende reducir en 150.000 persoas a poboación de refuxiados do campamento ao finalizar 2016. Máis de 20.000 refuxiados somalís provenientes de Dadaab volveron a Somalia.

Máis de 75.000 persoas refuxiadas que foxen de Siria atópanse atrapadas na fronteira con Xordania nunha estreita franxa de deserto .

Abusos e violacións para manter a xente fóra

 [Imaxe: Flickr, United Nations Photo] Mulleres nos campos de refuxiados do SáharaNo sueste asiático, persoas refuxiadas e solicitantes de asilo de etnia rohingya procedentes de Myanmar viven co temor constante de seren detidas, recluídas, perseguidas e, nalgúns casos, devoltas. Nos centros de detención de Malaisia, os rohingya e outros refuxiados e solicitantes de asilo soportan duras condicións e corren perigo de sufriren enfermidades, abusos sexuais e físicos e mesmo a morte por falta de atención médica adecuada.   

O informe de AI acusa algúns países da Unión Europea, e a Australia, de empregaren “abusos e violacións sistémicos dos dereitos humanos como ferramenta política” para manter fóra á xente. En xullo de 2016, Amnistía Internacional concluíu que os 1.200 homes, mulleres, nenos e nenas que permanecen recluídos no centro de detención de Nauru, fóra do territorio de Australia, sofren abusos graves, trato inhumano e neglixencia. 

A Unión Europea está a tratar de pechar escuros acordos con Libia e Sudán, entre outros países, para limitar os fluxos de persoas refuxiadas e migrantes. As persoas refuxiadas sofren abusos xeneralizados nos centros de internamento de estranxeiros, onde son recluídas de maneira ilexítima, sen acceso a asistencia letrada, tras ser interceptadas pola garda costeira libia ou detidas por grupos armados e axentes de seguridade.

Enfrontados a perigosas viaxes

Desde xaneiro de 2014 até xuño de 2015, o ACNUR rexistrou no sueste asiático 1.100 mortes no mar, a maioría delas de refuxiados rohingyas, aínda que é probable que a cifra sexa moito maior.

En 2015, máis dun millón de persoas refuxiadas e migrantes chegaron a Europa por mar; témese que case 4.000 morresen afogadas. Nos primeiros nove meses de 2016 xa houbo máis de 3.500 vítimas mortais.

Mulleres que atravesaron Libia contaron que nas rutas de tráfico de persoas as violacións son tan habituais que, antes de emprenderen a viaxe, toman pastillas anticonceptivas para evitar quedar embarazadas.

Refuxiados e migrantes denunciaron que os contrabandistas mantéñenos cativos para extorsionar as súas familias pedíndolles un rescate. Téñenos en condicións deplorables e, a miúdo, de auténtica miseria, privados de comida e auga e golpeados.

As persoas refuxiadas e migrantes que foxen da crecente violencia no Triángulo Norte de Centroamérica son obxecto de secuestros, extorsión, agresións sexuais e homicidios na súa viaxe cara á fronteira de Estados Unidos a través de México.

Europa, o lugar máis estable e rico do mundo

Hai algún tempo, Jean-Claude Juncker, presidente da Comisión Europea, afirmou, no Discurso sobre o estado da UE, que é necesario acoller os refuxiados para ter “máis Europa e máis unión” para a continuación indicar que  “os europeos non podemos esquecer o importante que é o dereito ao asilo, un dos valores máis importantes que existen. A pesar da nosa fraxilidade, da nosa propia percepción de debilidade, hoxe é Europa a que buscan como lugar para o refuxio e o exilio. Europa é, con moito, o lugar máis estable e rico do mundo"

Mais unha cousa son as palabras e outra os feitos, como podemos ver. Ao lugar máis estable e rico do mundo non lle interesan nin refuxiados nin migrantes.

Fonte: Amnistía Internacional/ Elaboración propia

Comentarios