Raxoi e Sánchez inclínanse pola retirada do 155, contra un Rivera que pide intervir a TV3

PP e PSOE manteñen unha clara alianza sobre a cuestión catalá. Ambos partidos están interesados en destensar a batalla de Catalunya, da que só tira réditos politicos Ciudadanos. Iso é o que se desprende da cimeira de Raxoi e Sánchez desta terza feira na Moncloa. O encontro do chefe do goberno con Rivera sera esta quinta feira.

Rajoy e Sánchez na Moncloa
photo_camera Raxoi e Sánchez esta terza feira

Ningunha alusión concreta á retirada ou o mantimento do artigo 155 -a intervención do autogoberno catalán- no comunicado conxunto que emitiron La Moncloa e o PSOE após o encontro entre Mariano Raxoi e Pedro Sánchez. Ambos líderes acordaron basicamente dúas cousas: repudiar o recén eleito president da Generalitat, ao que xulgan como "frentista" e ao que afean os seus chíos "xenófobos", e preparar unha "resposta proporcional" na defensa da Constitución perante "calquera eventual desafío" do novo Govern.

Dito doutro xeito: a cimeira -algo menos dunha hora de conversa- serviu para darlle formalidade á doutrina sentada esta segunda feira por Mariano Raxoi á conclusión do debate de investidura no Parlament. Torra será xulgado non polas súas palabras -dixo que non faría autonomismo, que o president lexítimo é Puigdemont e que traballará para construír a República catalá-, senón polos seus feitos. Isto significa que en primeira instancia o 155 sería retirado -o compromiso da Moncloa era facelo en canto se investise un president non comprometido xudicialmente- e que só se voltaría a pór sobre a mesa se Torra dese pasos concretos -con trascendencia xurídica- cara á constitución dun Estado catalán independente.

Raxoi e Sánchez si pactaron manter a tutela sobre as finanzas da Generalitat, intervidas desde hai meses por Facenda, unha toma de control anterior ao 155.

Como cabía agardar, esta alianza non vai contar co apoio de Cs. Faltoulle tempo a Albert Rivera para, en declacións aos meios após a cimeira da Moncloa, afirmar que non partillaba "o novo acordo". A súa posición é inequívoca: esta quinta feira proporá a Raxoi "solucións para ver como se estende o 155". É máis, o líder de Cs quer unha intervención do autogoberno catalán aínda máis dura, que alcance a TV3, amnistiada da primeira versión do 155 pola intercesión do PSC.

Comentarios