Rajoy, no debate de política xeral: "Por que algúns se atribúen a capacidade de decidir quen ten dereito a decidir?"

O dereito das nacións a decidir apareceu como argumento no debate de política xeral, o chamado en España debate do estado da nación. A quenda de Galiza chegará esta cuarta feira, coa intervención da portavoz do BNG, Olaia Fernández Davila.

Rajoy, durante o debate
photo_camera rajoy


Rajoy alicerzou o seu discurso sobre unha única base argumental: a economía mellora grazas ás políticas de reformas impulsadas polo seu goberno durante os últimos dous anos, así que agora chegou o momento de facer concesións ás súas bases eleitorais en política fiscal.

Mais a cuestión nacional tamén pairou sobre o debate, nomeadamente no confronto dialéctico con Durán i Lleida, o portavoz de CiU no Congreso. Rajoy usou unha dupla linguaxe. Por un lado, non saíu nen un milímetro do seu enroque defensivo a respeito do cumprimento da legalidade española e da Constitución que, enfatizou, impide a realización da consulta do 9 de Novembro. Por outro, tentou oferecer a imaxe de que é un estadista disposto a dialogar.  "Quixen dialogar, mais o que se me pon sobre a mesa é un contracto de adhesión que non podo aceptar", dixo en relación ao referendo de autodeterminación acordado pola maioría das forzas políticas catalás.

"Eu non podo autorizar este referendo porque non podo privar aos españois do dereito a decidir sobre o seu país", dixo o presidente do Goberno, co cal retoricamente se situaba no campo semántico das forzas nacionalistas ao apelar ao conceito "dereito a decidir".

Sobre o diálogo

En realidade, Rajoy invocou ese conceito para o negar. Dixo que o referendo non ten encaixe legal e atenta contra os dereitos fundamentais das e dos cidadáns. E nese sentido perguntouse enfaticamente: "Por que se atribúen algúns a capacidade de decidir sobre quen ten o dereito a decidir?". Se non hai diálogo non é polo fechamento dos unionistas, veu argumentar Rajoy, senón por como colocan as cousas as forzas nacionalistas catalás.

Duran i Lleida dirixiuse a Rajoy nestes termos: "Se non gosta das perguntas [do referendo], formule outras"

"Estou a favor do diálogo, mais só tiven dúas experiencias. A primeira: ou se aceita o pacto fiscal ou fico libre para facer o que queira. Segunda experiencia: convoco un referendo, a data e as perguntas unilateralmente", censurou en alusión directa a Artur Mas.

Duran i Lleida marca perfil propio

Duran i Lleida non desaproveitou a oportunidade do debate para marcar perfil próprio, o que caracteriza ao dirixente nacionalista catalán máis proclive ao pacto co Estado español [o líder de Unió ten anunciado que o seu partido non votaría Si á independencia se a consulta se realizar finalmente]. Nese sentido, Duran i Lleida dirixiuse a Rajoy nestes termos: "Se non gosta das perguntas [do referendo], formule outras".

Rajoy non entrou ao xogo proposto por Duran i Lleida. Para o presidente do Goberno español, a clave do asunto non está nas perguntas, senón en que estamos perante unha cuestión que atinxe o conxunto das cidadás e dos cidadáns do Estado e non só o pobo catalán.

Críticas do BNG a Rajoy

Catalunya centrou portanto parte do debate na súa primeira xornada e o BNG tentará que Galiza apareza na axenda no segundo acto, que se realizará esta cuarta feira.

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, censurou esta terza feira o "canto patriótico de Rajoy á inmobilidade da Constitución". "Desde o BNG", dixo, "aspiramos a que se recoñeza a nosa realidade nacional", face un Rajoy que se limitou a "negar a realidade das nacións que compoñen o estado" e a negar, aliás, "o dereito de catalás e cataláns a expresárense libremente nas urnas sobre o futuro do seu país”.

Comentarios