O Ministerio da Cultura de Portugal imporá ás emisoras de radio do país unha cota de 30% de música producida por artistas portuguesas e portugueses.
A cifra anterior, actualizada por última vez en 2009, era de 25%. Con esta medida, o Goberno luso pretende impulsar "un sector particularmente afectado polas limitacións dos espetáculos ao vivo, e agora novamente debido ao cancelamento e adiamento de espetáculos".
"Queremos incrementar a divulgación da música nacional nas radios e contribuír á súa valorización en beneficio dos artistas", asegurou a responsábel de Cultura, Graça Fonseca.
Boa acollida da proposta
Tamén apoiou a iniciativa o presidente da Associação Fonográfica Portuguesa (AFP), João Teixeira: "É manifesto o interese crecente dos portugueses pola música de artistas e autores nacionais, polo que ten sentido, sobre todo no momento de profunda crise no sector cultural en que nos atopamos, que as radios intensifiquen o uso da 'nosa' música".
"Só podemos lamentar que os operadores de radio non o tivesen feito voluntariamente", engadiu.
Pola súa banda, Miguel Carretas, director xeral da Associação para a Gestão e Distribuição de Direitos (Audiogest), considerou que esta medida "traerá tamén un impacto positivo direto na distribución de dereitos a produtores musicais nacionais, unha distribución que sofrerá, inevitabelmente, unha enorme quebra provocada directamente polo confinamento e a diminución das actividades económicas".