Saúde

Alerta polo virus de Marburgo, semellante ao ébola: cales son os síntomas e como se transmite?

Guinea Ecuatorial confina máis de 4.300 persoas ante o xurdimento dun gromo deste virus tras nove falecementos e 16 casos sospeitosos.
O virus de Marburgo visto desde un microscopio. (Foto: CDC)
photo_camera O virus de Marburgo visto desde un microscopio. (Foto: CDC)

A Organización Mundial da Saúde (OMS) estuda co Ministerio de Saúde de Guinea Ecuatorial a posibilidade de facilitar o acceso a tratamentos experimentais contra o virus de Marburgo dentro dun ensaio clínico. Así o avanzou esta cuarta feira en rolda de prensa desde Xenebra (Suíza) o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, ante o gromo deste virus que se está producindo no país africano desde a segunda feira.

Tal e como salientou o máximo responsábel da OMS, este surto detectouse tras a identificación de nove falecidos con sintomatoloxía hemorráxica no distrito de Nsok Nsomo. Polo de agora rexistráronse 16 casos sospeitosos e máis de 4.300 persoas están en corentena nos distritos de Nsok Nsomo, Ebibeyin (provincia de Kie Ntem) e Mongomo (provincia de Wele Nzas).

Tras o envío de oito mostras ao Instituto Pasteur de Senegal, confirmouse a detección de virus de Marburgo nunha delas. As autoridades sanitarias de Guinea Ecuatorial activaron un plan de continxencia incluíndo restricións de movemento nas áreas afectadas e as actuacións de procura de casos e seguimento de contactos, entre outras, un operativo practicamente idéntico ao que se despregou durante a pandemia da Covid-19.

Entre tanto, a OMS está a apoiar a resposta nacional de Guinea Ecuatorial co desprazamento de persoas expertas para o manexo de casos, prevención da infección, análise de laboratorio, subministración de material e comunicación de risco. Tedros asegurou que, até o momento, non se notificaron casos confirmados en Camerún nin en Gabón, pero a OMS está a colaborar co Ministerio de Saúde de Camerún para "investigar unha alerta nese país". "Tamén estamos a axudar os gobernos de Camerún e Gabón a prepararse para detectar, illar e atender rapidamente calquera caso sospeitoso", engadiu.

Esta terza feira a OMS convocou unha consulta do consorcio de vacinas e terapias contra o virus de Marburgo, que inclúe desenvolvedores e expertos de todo o mundo. Así mesmo, o organismo sanitario internacional de Nacións Unidas convocou o seu comité de priorización de vacinas para determinar "que vacinas candidatas deben avaliarse primeiro", así como "tomar medidas para preparar posíbeis ensaios", dado que aínda non hai tratamentos autorizados. Porén, Tedros matizou que serán "as autoridades nacionais e os investigadores de Guinea Ecuatorial" as que tomen "calquera decisión sobre os ensaios de vacinas e terapias contra o virus de Marburgo".

O Goberno español insta a "permanecer atentos" aos anuncios en materia sanitaria de Guinea Ecuatorial en relación con este gromo

No Estado español, o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) do Ministerio de Sanidade avanzou esta terza feira que está a levar a cabo unha "revisión das actuacións de detección precoz e manexo de casos" ante este gromo. O Ministerio de Asuntos Exteriores actualizou esta terza feira as súas recomendacións de viaxe a Guinea Ecuatorial para alertar a cidadanía que pense desprazarse a este país da existencia do gromo. Exteriores recomendou "permanecer atentos e seguir as comunicacións que en materia sanitaria e de movementos realicen as autoridades ecuatoguineanas".

Polo de agora, a alerta sanitaria declarada polo Goberno ecuatoguineano na provincia de Kie Ntem e no distrito de Mongomo, na provincia de Wele Nzas, ambas as dúas na parte continental do país, prevé unha restrición dos movementos desde e cara á zona afectada durante 45 días e o fechamento do paso fronteirizo con Camerún.

Tipo de virus

É a primeira vez que se detecta en Guinea Ecuatorial o virus de Marburgo, que é semellante ao ébola tanto en síntomas como en modo de transmisión e mortalidade. En África rexistráronse surtos anteriores e casos esporádicos en Angola, República Democrática do Congo, Kenya, Sudáfrica e Uganda. Guinea confirmou un caso en agosto de 2021, en Gueckedou, mentres Ghana fixo o propio con dous casos en xullo de 2022.

Transmisión

Este virus transmítese ás persoas a través dos morcegos da froita e propágase entre os humanos a través do contacto directo cos fluídos corporais de persoas, superficies e materiais infectados. O período de incubación oscila entre 2 e 20 días.

Síntomas

A enfermidade comeza de maneira aguda, con febre alta, dor de cabeza intensa e malestar xeral, podendo evolucionar cara a síntomas hemorráxicos graves. A letalidade oscila en torno a 50%. Non hai vacinas nin tratamentos antivirais aprobados. Con todo, o tratamento de soporte —rehidratación oral ou intravenosa— e sintomático melloran a supervivencia.

Comentarios