Xorde un novo gromo do ébola: a OMS, en alerta

Unha muller de 46 anos falece na República Democrática do Congo após contraer a variante Zaire do virus, que en 2014 deixou neste país unha taxa de letalidade de 74%.
Resposta a un recente gromo de ébola na República Democrática do Congo. (Foto: Sally Hayden / Zuma Press)
photo_camera Resposta a un recente gromo de ébola na República Democrática do Congo. (Foto: Sally Hayden / Zuma Press)

O pasado 15 de agosto unha muller de 46 anos de idade faleceu na cidade de Beni (República Democrática do Congo) por mor do ébola, un virus que se cría controlado no país, se ben rexistrou novos gromos, de maior ou menor intensidade, en numerosas ocasións desde a súa detección en 1976.

Así o vén de notificar o Goberno deste país, nun anuncio que pon en vilo toda a comunidade internacional. A responsábel da Organización Mundial da Saúde (OMS) para África, Matshidiso Moeti, ve con "preocupación" estes pequenos surtos que seguen a aparecer.

A OMS activou xa un dispositivo para conter o posíbel avance desta grave doenza, se ben confía tamén en que as autoridades xa detiveron "con éxito" outros gromos, polo que esta experiencia "axudará a controlalo".

Tamén están xa sobre o terreo os equipos de traballo de Unicef, e permanecerán na RDC "co compromiso de apoiar as autoridades nos esforzos por conter este novo surto de ébola e limitar o seu impacto nas crianzas", sinalaron nesta quinta feira a través dun comunicado.

Este último pasamento rexistrado no país, precisaron desde Unicef, está relacionado co rexurdimento da variante Zaire do virus —o que provocou o décimo gromo na RDC en 2018—, e non coa nova variante que está a circular na actualidade.

Nas últimas catro décadas detectáronse até quince novos surtos de ébola só neste país, un dos principais afectados, e os seis últimos producíronse desde 2018. O máis recente, antes do notificado esta semana, dérase na cidade de Mbandaka o pasado ano.

O ébola, altamente letal

A taxa de mortalidade desta doenza rolda nada menos que 50%, unha porcentaxe que oscila desde 25% até 90% en función de cada variante. A que agora rexorde, a Zaire, tivo en 2014 unha letalidade de 74% neste país, con 49 persoas falecidas de 66 contaxiadas.

Comentarios