Putin visita Khersón e Luhansk e Zelenski desprázase a Donetsk

Os presidentes de Rusia e Ucraína dialogan cos militares na fronte da guerra, ao tempo, Romanía quere prohibir tamén o gran ucraíno e unirse a Polonia, Hungría e Eslovaquia.
Vladimir Putin a segunda feira. (Foto: Kremlin / DPA)
photo_camera Vladimir Putin a segunda feira. (Foto: Kremlin / DPA)

O presidente ruso Vladimir Putin efectuou onte unha viaxe aos territorios incorporados por Rusia a finais de setembro de 2022 no contexto da guerra de Ucraína, após unha serie de referendos na zona controlada polas tropas rusas nas rexións de Zaporijia, Khersón, Donetsk e Luhansk non recoñecidos pola Organización das Nacións Unidas.

Putin visitou o cuartel xeral Dnepr, na rexión de Khersón, antes de dirixirse ao cuartel xeral Vostok, en Luhansk, reuníndose con varios mandos militares para “ouvir as súas opinións sobre a evolución da situación, escoitalos e intercambiar informacións”. É a segunda ocasión na que o mandatario se despraza a estes territorios tras viaxar en marzo a Mariupol, en Donetsk.

Pola súa parte, o seu homólogo ucraíno Volodimir Zelenski visitou os militares destinados a Avdiivka, perto da cidade de Donetsk, e departiu co grupo táctico-operativo homónimo, ao que agradeceu “o seu servizo por defender a nosa patria, Ucraína, e as nosas familias”.

Ao tempo, os ministros de Exteriores do G7 remataron onte a súa cimeira no Xapón, apuntando que están “comprometidos a intensificar as sancións contra Rusia, coordinándoas e aplicándoas por completo”.

Xa en América, o titular de Asuntos Exteriores brasileiro, Mauro Vieira, defendeu que o “Brasil quere promover a paz” en Ucraína após reunirse co responsábel da diplomacia rusa, Sergei Lavrov, e salientou que ambos os dous países “completan este ano 195 anos de relacións diplomáticas con embaixadores residentes”.

Estas declaracións chegaron en resposta ás afirmacións horas antes do voceiro do Consello de Seguridade Nacional dos Estados Unidos, John Kirby, que acusou o país de “repetir como un papagaio a propaganda rusa e chinesa sen observar para nada os feitos”, en referencia ás palabras do líder brasileiro, Lula da Silva, nas que subliñaba que “é preciso que os Estados Unidos deixen de alentar a guerra [en Ucraína] e comecen a falar de paz”, algo que tamén pediu á Bruxelas.

A debate en Romanía o veto ao gran ucraíno

No que atinxe á prohibición de importacións de cereais e outros produtos de Ucraína implementada por Polonia, Hungría e Eslovaquia, o Partido Socialdemócrata romanés, a principal forza da coalición que goberna o país, fixo público onte que instará o Executivo a seguir o mesmo camiño, destacando que a compensación por perdas que prevé a Comisión Europea “non pode cubrir o dano xeral que sufriron”. Deste xeito, Bucarest únese a Sofía, que estuda como aplicar o veto.

Comentarios