Putin seguirá no poder con máis de 77% de participación e máis de 87% dos votos

Con 99,74% do escrutinio realizado, Vladimir Putin obtivo máis de 87% dos votos nas eleccións presidenciais de Rusia. A participación nos comicios alcanzou 77,4%, alcanzando o máximo histórico nas primeiras eleccións presidenciais rusas.
O presidente de Rusia, Vladimir Putin, este domingo (Foto: Presidencia de Rusia).
photo_camera O presidente de Rusia, Vladimir Putin, este domingo (Foto: Presidencia de Rusia).

Con 99,74% do escrutinio realizado, Vladimir Putin obtivo máis de 87% dos votos (87,3%) nas eleccións presidenciais de Rusia. Trátase da maior vitoria desde que o líder ruso chegou ao poder, obtendo dez puntos máis que en 2018 (76,5%).

A participación nos comicios alcanzou 77,4%, alcanzando o máximo histórico nas primeiras eleccións presidenciais rusas tras superar o dato de 74,7% que se rexistrou na cita electroal de 1991.

En segunda posición situouse Nikolái Jaritónov (4,3%), do Partido Comunista, seguido polo representante do partido Xente Nova, Vladislav Davankov (3,9%) e por Leonid Slutski (3,2%), do Partido Liberal-Demócrata.

Ante unha vitoria máis que asegurada, Putin dirixiuse á poboación. “A fonte de poder é o pobo. Todos somos un equipo”, dixo. Neste contexto, dixo o presidente ruso, danse as condición para seguir avanzando e facer que Rusia sexa “máis forte, máis poderosa e máis eficiente”. Desta maneira, Putin continuará seis anos no poder, até o ano 2030.

Eleccións marcadas pola morte de Navalni

O proceso electoral viuse marcado pola morte do líder opositor Alexei Navalni nun cárcere do Ártico onde cumpría unha pena de 30 anos por fraude e extremismo que el mesmo cualificou como unha persecución política. A muller deste, Yulia Navalnaya, participou este domingo nunha manifestación en Berlín, a capital alemá, contra Putin, na que participaron unhas 800 persoas segundo a Policía da cidade. Tamén houbo protestas en solo ruso.

Sobre Navalni, Putin afirmou este domingo que estaba disposto a intercambiar ao líder opositor por persoas rusas que se atopan detidas en Occidente. O presidente detallou que, uns días antes da morte de Navalni, discutiu a idea dun intercambio do mesmo. "O home que me falaba aínda non terminara a súa frase, e dixen: 'Estou de acordo'. Mais, por desgraza, pasou o que pasou", sinalou.

Críticas desde Occidente

Precisamente desde os Estados do bloque occidental chegaron as críticas máis duras a Putin. "A elección presidencial en Rusia non é legal, libre e xusta", dixo nun comunicado o Ministerio de Asuntos Exteriores de Polonia. Pola súa parte, o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, cualificou as eleccións como "un simulacro sen oposición".

O ministro de Asuntos Exteriores español, José Manuel Albares, considerou que o proceso electoral en Rusia está “moi lonxe, por dicilo diplomaticamente, do que consideramos na Unión Europea e no Estado español unha eleccións democráticas coas garantías necesarias”. Ademais, Albares non concedeu “ningunha lexitimidade nin que se poida derivar ningún dereito dos procesos que se puidesen dar nos territorios ucraíno ocupados militarmente”. Nestas áreas, Putin alcanzou porcentaxes de voto superiores á media.

Ao albor de todas estas críticas occidentais, o presidente de Rusia comentou a "esperada reacción" dos Estados occidentais á súa vitoria. "A reacción dalgúns Estados estranxeiros é esperada. Que querían que fixesen, que se levantasen e aplaudisen? Á fin e ao cabo están a loitar contra nós, e por medios armados", declarou. "Pretenden frear o noso desenvolvemento. Por suposto que dirán calquera cousa", agregou.

Comentarios