Putin agradece aos militares rusos que "evitaron unha guerra civil"

Belarús ofrece ao grupo Wagner aloxarse nunha base abandonada no país após confirmar a chegada de Prigozhin, o que activou as alarmas en Polonia, Lituania e Letonia. Aliás, Lukashenko descarta a apertura de puntos de recrutamento do grupo.

Vladimir Putin. (Foto: Gavriil Grigorov / Kremlin / Europa Press)
photo_camera Vladimir Putin. (Foto: Gavriil Grigorov / Kremlin / Europa Press)

As Forzas Armadas rusas “realmente evitaron unha guerra civil”, afirmou a terza feira o presidente de Rusia Vladimir Putin en referencia ao levantamento armado do sábado protagonizado polo líder do grupo de mercenarios Wagner, Yevgeni Prigozhin, nunha intervención perante un grupo de militares.

Amais de lembrar os soldados falecidos no levantamento, incidiu no “papel decisivo” da sociedade rusa, explicando que “aqueles que foron empurrados á rebelión viron que o Exército e o pobo non estaban con eles” e que a despregadura das forzas rusas “permitiu evitar un desenvolvemento extremadamente perigoso da situación”.

Arredor desa cuestión, a Fiscalía Xeral rusa fechou o caso por traizón contra Prigozhin, como fora acordado para pór fin a un levantamento que Viktor Zolotov, que encabeza a Garda Nacional rusa, detallou que “foi inspirado por Occidente e superposto ás ambicións de Prigozhin”.

Asemade, o presidente de Belarús, Alexander Lukashenko, confirmou que Prigozhin chegou ao país, en cumprimento doutro dos puntos do pacto co Kremlin. Aliás, indicou que o Ministerio de Defensa está a negociar a entrada do grupo Wagner, ofrecéndolle aloxarse nunha base militar abandonada, e salientou que non se abrirán puntos de recrutamento do grupo de mercenarios en territorio belaruso.

A súa chegada levou Lituania e Letonia a pedir ao resto de membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte reforzar a fronteira con Belarús. Andrzej Duda, presidente de Polonia, tamén tratou o asunto, facendo fincapé en que a presenza de Wagner é un sinal "negativo" que se ten que debater no seo da alianza militar liderada polos Estados Unidos.

Pola súa parte, o Ministerio de Defensa de Moscova trasladou que está en preparación a entrega do equipo militar pesado de Wagner ás Forzas Armadas.

Iniciativa de paz do Vaticano

No que atinxe ás distintas iniciativas de paz que pulan por impulsar a fin das hostilidades en Ucraína, como as lanzadas pola China, o Brasil ou os países africanos, o Vaticano divulgou que o cardeal Matteo Zuppi, que xa se reuniu co mandatario ucraíno Volodimir Zelenski hai tres semanas, estará hoxe e mañá en Rusia para abordar a cuestión coas autoridades de Moscova.

Non está claro se poderá verse con Putin, após subliñar o Ministerio de Asuntos Exteriores ruso que non estaba na axenda. Entrementres, medios europeos apuntan a posibilidade de que se reúna co patriarca Cirilo, que encabeza a Igrexa ortodoxa rusa.

Comentarios