Rusia: o grupo Wagner asegura ter tomado Rostov e Putin acúsao de traizón

A situación obrigou a activar as medidas antiterroristas en varias rexións rusas.
O presidente de Rusia Vladimir Putin. (Foto: Europa Press / Contacto / Gavriil Grigorov)
photo_camera O presidente de Rusia Vladimir Putin. (Foto: Europa Press / Contacto / Gavriil Grigorov)

Despois de meses de tensión Yevgeni Prigozhin e a cúpula do Exército ruso sobre o desenvolvemento da guerra en Ucraína, o conflito estourou nas últimas horas co anuncio da entrada do xefe do grupo de mercenarios Wagner na cidade rusa de Rostov, sede do mando militar sur, mentres desde Moscú se abría unha causa penal na súa contra por incitar á rebelión armada.

Nun primeiro momento, Prigozhin acusou ao Departamento de Defensa de lanzar un suposto ataque contra unha das bases de Wagner en territorio ruso. En resposta, o organismo restou toda a credibilidade ás declaracións de Prigozhin e catalogou como falso un vídeo sobre a suposta ofensiva.

Ademais, o responsábel da empresa militar privada anunciou o que denominou unha "marcha da xustiza" e comprometeuse a facer render contas ao ministro de Defensa, Serguéi Shoigú, e ao xefe do Estado Maior, Valeri Guerásimov.

 

Putin: “Enfrentámonos a un acto de traizón”

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, denunciou este sábado un acto de traición despois de que o   líder do grupo de mercenarios Wagner, Yevgeni Prigozhin, entrase na cidade rusa de Rostov.

Na súa primeira comparecencia tras o inicio dos incidentes onte á noite, Putin non identificou polo seu nome a Prigozhin e quixo distinguir as forzas de Wagner, ao pedir "aos que foron empuxados para provocar esta rebelión militar" que depoñan as armas no que finalmente denunciou como un "motín interno" e, sobre todo, como unha "puñalada" para as tropas rusas e para o pobo.

“Calquera que seguise de forma deliberada o camiño da traizón e que preparase unha rebelión armada escolleu os métodos da chantaxe e o terrorismo”, avisou nunha durísima advertencia.

“Como presidente de Rusia, farei todo o posíbel para defender o país, protexer a Constitución, a vida e a seguridade, a liberdade dos cidadáns”.

 

Alerta antiterrorista

Pola mañá, apareceron vídeos obtidos na cidade de Rostov, no sur do país, nos que aparecían homes uniformados e equipos blindados do grupo Wagner, que aseguraban ter ocupado o Estado Maior do Distrito Militar Sur. As autoridades non confirmaron esta información.

Así mesmo, o servizo de prensa de Prigozhin publicou varios vídeos sobre a situación en Rostov. No primeiro, o xefe de Wagner fala con quen parece ser o viceministro ruso de Defensa, Yunus-Bek Evkúrov, dicíndolle que bloquearon a cidade e exixindo reunirse co xefe do Ministerio de Defensa.

Ante esta situación, varias rexións rusas anunciaron un reforzo das medidas de seguridade. Concretamente, activouse o réxime de operacións antiterroristas para evitar posíbeis atentados na capital do país, Moscova, así como na provincia homónima e en Voronezh. Ademais, cortouse parcialmente o tráfico rodado na estrada federal M-4 Don, que pasa polas provincias de Rostov, Lípetsk e Voronezh e conduce á capital rusa.

Mentres, as forzas de seguridade rusas acordoaron a sede do grupo Wagner en San Petersburgo.

Paralelamente, o Ministerio de Defensa publicou un chamamento aos efectivos de Wagner na que lles instou a ser "sensatos" e a poñerse en contacto cos representantes do ministerio "o antes posíbel". Esta institución asegurou que garantirá a seguridade de todos os membros de Wagner.

Comentarios