xoves 28.05.2020
Preacordo de Goberno

Junts anuncia o seu «non» a Sánchez

A deputada Laura Borràs mantén o «non» de Junts per Catalunya á investidura de Pedro Sánchez «mentres haxa presos, exiliados, represaliados e non se poida falar do dereito á autodeterminación».

 

 

Carles Puigdemont e líder de Junts no Congreso, Laura Borràs (Junts)
Carles Puigdemont e líder de Junts no Congreso, Laura Borràs (Junts)

A cabeza de lista de JxCat no Congreso, Laura Borràs, mantivo este martes o 'non' do seu espazo político á investidura do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, e acusou a Podemos de comprar «o marco mental do 155» após o preacordo que alcanzaron.

«Mentres haxa presos, exiliados, represaliados e mentres non se poida falar do dereito á autodeterminación, que parece que é o marco mental que comprou Podemos, é evidente que non podemos investir nin permitir a investidura dun presidente como Sánchez», subliñou a deputada independentista en declaracións nos corredores do Parlament.

A través da súa conta de Twitter, o ex president Carles Puigdemont e líder de JxCat, que conta con 8 actas no Congreso, valorou desde o exilio o preacordo alcanzado por Unidas Podemos e PSOE, e fíxoo tirando de ironía. «Son uns xenios», asegurou en referencia a Pedro Sánchez e Pablo Iglesias por conseguiren en 24 horas o que semellaba imposíbel na anterior lexislatura.

«Aquilo que non era posíbel cando PSOE e Unidas Podemos tiñan máis deputados é agora posíbel cando teñen menos», escribiu Puigdemont. "O que impedía Sánchez poder durmir ben, agora vaille permitir conciliar o sono», engadiu. Así se referiu o exiliado catalán ás escusas que o líder do PSOE dera para non formar goberno e coalición con Iglesias.

Puigdemont lamentou tamén que se tivesen que repetir unhas eleccións que catapultaron a ultradereita para poder chegar a este acordo.

comentarios