A Cruz Vermella advirte do risco das minas antipersoa en Ucraína coa chegada do inverno

A neve e o xeo dificultan que a poboación detecte as minas antipersoa, alerta a Cruz Vermella, que pide a Kíiv e Moscova desminar o territorio. No verán, Ucraína lanzou minas antipersoa contra áreas residenciais de Donetsk.

Cascallos en Dnipro (Ucraína). (Foto: Ukrinform / dpa)
photo_camera Cascallos en Dnipro (Ucraína). (Foto: Ukrinform / dpa)

Ariane Bauner, directora para Eurasia do Comité Internacional da Cruz Vermella, defendeu a sexta feira que “as minas e municións sen estalar son un perigo latente nas terras agrícolas e nos barrios, cada unha delas ten a capacidade de destruír vidas”, alertando do risco destes artefactos no marco da guerra en Ucraína coa chegada do inverno.

Nesta época do ano, este risco faise máis patente no territorio por mor de que a neve e o xeo as fan máis difíciles de detectar, ao que hai que sumar que as carencias de calefacción ou electricidade levan a unha maior exposición da poboación ao buscar madeira para quentarse.

“Tras oito anos de conflito, xa había grandes superficies das rexións de Donetsk e Luhansk contaminadas”, explica, advertindo que desde febreiro, coa entrada do Exército ruso no país, multiplicáronse “de forma exponencial” o número de minas no país.

Lembrando que o vindeiro domingo faise o 25º aniversario da Convención sobre a Prohibición das Minas Antipersoa, Bauner solicitou tanto a Rusia como a Ucraína que marquen as zonas afectadas para “informar dos perigos a poboación civil” e que procedan a desminalas o antes posíbel.

Na zona de Donetsk controlada por Rusia, o correspondente de Nós Diario, Bruno Carvalho, reportara o lanzamento dentro de mísiles ucraínos de milleiros das denominadas minas antipersoa “bolboreta”, pequenas minas do tamaño dunha man e de menos dun quilogramo, que foron dirixidas a zonas residenciais. Segundo a Convención de Xenebra isto constitúe un crime de guerra. Só en agosto, 53 persoas foron vítimas destas minas, que polo xeral provocan a amputación das extremidades, pero que tamén acabaron coa vida dunha persoa.

Precisamente na capital do oblast, tamén chamada Donetsk, as autoridades locais denunciaron bombardeos ucraínos contra o centro da cidade, provocando cando menos a morte de tres persoas.

Xa na Unión Europea, as embaixadas ucraínas en polo menos cinco países comunicaron que recibiron “paquetes sanguentos” con partes de animais, principalmente ollos. O ministro de Exteriores ucraíno, Dimitro Kuleba, acusou Rusia desta “campaña ben planeada de terror e intimidación”, amais de referirse á carta con material pirotécnico recibido pola delegación en Madrid (Estado español).

Nese sentido, a Policía estadounidense tamén está a investigar un presunto artefacto explosivo lanzado por un home cara á embaixada rusa en Washington D.C., a capital.

Comentarios