Os EUA presentan o seu novo bombardeiro nuclear furtivo

O Departamento de Defensa dos EUA presentou oficialmente o avión bombardeiro nuclear furtivo B-21 Raider. O primeiro deste tipo que incorpora ao armamento en máis de 30 anos.

O bombardeiro B-21 (Imaxe: Edwards Air Force Base)
photo_camera O bombardeiro B-21 (Imaxe: Edwards Air Force Base)

No contexto da guerra en Ucraína e das tensas relacións coa China, o Departamento de Defensa dos EUA deu a coñecer de maneira oficial o avión bombardeiro nuclear furtivo. O primeiro destas características incorporado ás forzas armadas estadounidenses en máis de 30 anos.

A ex xefa da Forza Aérea dos EUA, Deborah Lee, puxo de manifesto que “precisamos un novo bombardeiro do século XXI que nos permita afrontar ameazas máis complexas, tales como as que tememos que enfrontaremos algún día desde China ou Rusia”, recolleu Associated Press.

Así, esta aeronave fai parte dos esforzos dos EUA por modernizar o seu arsenal nuclear, dada a preocupación coa que olla cara a China. Segundo o Pentágono, a China podería acumular para 2035 máis de 1.500 oxivas nucleares se as produce ao ritmo actual.

O avión incorpora a tecnoloxía máis avanzada, que deixa obsoleto o seu antecesor, o B-2 Spirit, nomeadamente a respecto da capacidade informática.

Segundo Defensa, o bombardeiro “terá unha observalibilidade incribelmente baixa”, o que permitirá sortear as defensas inimigas e evitar os radares.

Unha nave "indetectábel"

A aeronave furtiva foi presentada ás 13.30 (hora galega) na base da forza aérea Edwards, en Palmdale, California. O secretario de Defensa dos EUA, Lloyd Austin, puxo de manifesto durante o acto que aínda que o “B-21 parece impoñente por fóra, o que hai debaixo da fuselaxe e os seus recubrimentos de era espacial é máis impresionante”. “Os sistemas de defensa aérea máis sofisticados terán dificultades para detectar o B-21 no ceo”. “Ningún outro bombardeiro de longo alcance pode igualar a súa eficiencia”, apuntou.

Seis B-21 de proba están agora en construción nas instalacións de Northrop Grumman, a empresa de defensa que o construíu, próximas á citada base californiana, mais o Pentágono prevé comprar 100 avións B-21 para substituír a frota de bombardeiros estratéxicos.

Comentarios