Por primeira vez o Congreso dos EUA terá 3 representantes nativas americanas

Sharice Davids (demócrata, Kansas), Deb Haaland (demócrata, Novo México) foron reelixidas nas eleccións estadounidenses e acompañaráas Yvette Herrell, unha republicana cherokee eleita en Novo México. 
deputadas nativas EUA
photo_camera Davids, Haalad e Herrell.

Sharice Davids, membro da Nación  Ho- Chunk de Wisconsin, gañou o distrito polo que concorría en Kansas. Beb Haaland, membro de Laguna Pueblo e con herdanza de  Jemez Pueblo, derrotou Michelle García Holmes para gañar en  Novo México.  

Davids, vicepresidenta do  Caucus de Nativos Americanos, sinalou: "Foi unha incríbel honra poder representar esta comunidade no Congreso durante os últimos dous anos, e estou moi agradecida de que confíen en min para continuar nese papel". 

Haaland,  co presidenta do Caucus de Nativos Americanos e membro do Subcomité de Pobos Indíxenas dos Estados Unidos, dixo: "Esta noite, o pobo de Novo México elixiu a esperanza por riba do medo, o amor por riba do odio, a comunidade por riba da división".  

Engadiu, "Hai dous anos, convertinme nunha das dúas primeiras mulleres nativas elixidas á Cámara de Representantes na historia do noso país.  Durante o meu primeiro mandato centreime na loita para protexer a nosa Terra e contra o cambio climático, o recoñecemento de que todo estadounidense ten dereito á atención médica, a necesidade de enfrontar a inxustiza racial, o chamado a proporcionar unha boa educación para todos os nosos nenos, e o deber de axudar a fomentar unha economía que cre oportunidades para todos”.

Pola súa banda, Herrell, da Nación Cherokee, que derrotou o candidato demócrata  Xochiti Torres, dixo: “É a honra da miña vida ser elixida para servir a Novo México. O meu compromiso con cada cidadán do noso distrito é que servirei a cada un deles con integridade mentres traballamos xuntos para reconstruír a nosa economía e protexer os valores que fan grande a América". 

Davids, Haaland e Herrell uniranse aos congresistas nativos americanos  Markwayne  Mullin (da nación Cherokee) e Tom Cole (membro da Nación Chickasaw de Oklahoma).

Comentarios