O prezo da vivenda medrou 8,2% en Portugal malia a caída das vendas

Aumenta a débeda persoal, das empresas e Administracións públicas.
A capital lusa, Lisboa. (Foto: TOimages)
photo_camera A capital lusa, Lisboa. (Foto: TOimages)

O Instituto Nacional de Estatística portugués revelou a sexta feira o Índice de Preços da Habitação de 2023, que refire que o prezo da vivenda no país aumentou 8,2%, cun incremento tanto nas vivendas novas (6,6%) como nas xa existentes (8,7%). En 2022, a suba foi de 12,6%, o que xa implicaba 3,2 puntos máis que en 2021.

A continua alza do prezo da vivenda converteu a habitabilidade nun dos principais problemas da poboación lusa, un aumento que se produce a pesar da caída da compravenda de vivendas.

En 2023, a caída nas transaccións foi de 18,7% en relación a 2022, cun valor total de case 12% menos que ese ano e fixando o volume de operacións no nivel máis baixo desde 2017. Hai dous anos producírase un lixeiro incremento de 1,3% na cifra de transaccións en comparación con 2021.

A meirande parte das transaccións de 2023, 117.000 de 136.000, corresponde ás familias. O Instituto explica que en todas as rexións se rexistrou unha diminución do número e do valor destas operacións.

En paralelo, o Banco de Portugal comunicou que o endebedamento do sector non financeiro, que inclúe particulares, empresas e Administracións públicas, se elevou en xaneiro 9.750 millóns de euros até superar os 800.000 millóns.

Particulares e empresas lideran a débeda

Do total, 448.000 millóns son responsabilidade de empresas e persoas naturais, e o resto de sociedades e Administracións públicas.

O mes pasado, reportouse que o país fechou 2023 cunha débeda pública de 98,7% do produto interior bruto, o que significou a primeira vez en 14 anos que a débeda portuguesa estaba por baixo de 100%.

Comentarios