sábado 28.03.2020

PP e Cs usan a súa maioría na Mesa para tombar o atallo do PSOE na tramitación dos orzamentos

O Goberno Sánchez e os seus aliados están en minoría no órgao de goberno do Congreso dos Deputados. Que o executivo non dispoña de maioría na cúpula da cámara é algo que non acontecera nunca no actual réxime político e alimenta permanentemente o conflito institucional. De feito, a dereita tombou esta segunda feira o atallo procedimental con que o grupo parlamentar socialista, co apoio de Podemos, tencionaba arrebatar ao Senado a capacidade de veto que o PP lle concedeu durante o goberno Raxoi.

Imaxe do Congreso dos Deputados
Imaxe do Congreso dos Deputados

Cunha emenda, a 32, á Lei de Violencia Machista, o PSOE tencionaba deixar sen efecto a capacidade de veto do Senado sobre o teito de gasto. Esa faculdade de bloqueo non ten moito sentido democrático: a Cámara Alta arrastra un evidente déficit de representación, até o punto de que o PP —un partido que apenas obtivo 33,01 por cento do voto nas últimas eleccións xerais, xuño 2016— desfruta de maioría absoluta no seu seo.

A manobra do PSOE, respaldada por Podemos, bateu esta segunda feira co muro da maioría de que dispón a dereita (PP e Cs) na Mesa do Congreso. De pouco valeron os apelos ao rol institucional da presidenta da Cámara, Ana Pastor. A dirixente conservadora actuou como tal e avalou o voto contrario á tramitación da emenda socialista.

Esta derrota politica complica extraordinariamente o trámite para a aprobación dos orzamentos do estado para 2019. Sen aprobar un novo teito de gasto, o Goberno Sánchez non poderá aplicar o incremento do déficit pactado pola ministra Calviño con Bruxelas (por volta de 6.000 millóns de euros máis a disposición das arcas públicas, arredor de 130 millóns máis para Galiza).

O que tenta provocar a dereita é que se subliñe a impresión de debilidade parlamentar do Goberno Sánchez e forzar un escenario de desgoberno que resulte na convocatoria de eleccións anticipadas.

comentarios