Con motivo do 25 de abril

Portugal homenaxea os presos políticos en Peniche

António Costa, primeiro-ministro de Portugal, e Domingos Abrantes, ex preso político en Peniche e membro do Consello de Estado, participaron na inauguración dun memorial que lembra os presos políticos do Forte de Peniche.

Forte_Peniche_04
photo_camera O Forte de Peniche sobre un cantil.

Centos de persoas participaron na inauguración dun memorial que homenaxea os presos políticos do Forte de Peniche. Entre elas atopábase o primeiro ministro portugués, António Costa, e o ex preso político Domingos Abrantes, quen sinalou que o monumento “quere perpetuar o nome a memoria dos máis de 2.500 presos aquí encarcerados ao longo de 40 anos”. “Xente con rostro, seres comúns: traballadores, pescadores, militares, relixiosos, estudantes e intelectuais”, apuntou. “Persoas de opcións ideolóxicas diferentes, mais todos irmandados na causa común contra o fascismo”, engadiu.

Ademais, no acto denunciou o esquecemento da opresión fascista e a loita pola liberdade, nomeadamente, en relación aos libros de texto, “ano tras ano van desaparecendo as referencias á ditadura e á súa natureza así como á resistencia”. Abrantes alertou ademais dos “tempos preocupantes e incertos que vivimos”. Subliñou que “o fascismo non está morto”.

António Costa, pola súa banda, lembrou “as interminábeis horas de espera dos presos de Peniche, os últimos en seren liberados”. Tamén dedicou palabras aos presos do Tarrafal, do Aljube e de Caxias, “en nome do futuro 25 de abril, nunca se poderá esquecer o pasado de resistencia de quen sacrificaron familia, patrimonio, liberdade e a propia vida”.

Este sábado, día 27, continúa a homenaxe iniciada o día 25 cunha festa popular no Largo da Fortaleza con intervencións de Arbrantes e da ministra de Cultura Graça Fonseca.

De hotel a museo

O Forte de Peniche supuxo unha gran polémica nos últimos anos despois de propoñer o Goberno portugués a concesión deste inmoble con outros monumentos históricos para actividades hoteleiras e turísticas. Colectivos antifascistas denunciaran que a privatización constituiría un atentado á democracia e a violación do deber de calquera goberno de honrar a memoria de quen deu a vida en defensa da liberdade.

Tras máis de un ano de protestos, o Goberno portugués anunciaba en 2017 un museo nacional dedicado á loita pola liberdade e a democracia. A proposta do PCP, os orzamentos xerais de 2017 recollían unha partida para un plano urxente de intervención na fortaleza.

Comentarios