Portugal: empate técnico nas enquisas entre conservadores e socialistas a 12 días das eleccións

A coligazón PSD e CDS-PP obtería entre o 35 e o 40% dos votos, segundo as sondaxes; mentres o PS bailaría do 35 ao 37%. Ningún tería maioría absoluta na Assembleia. CDU e Bloco suben en intención de voto.

Assembleia da República Portugal
photo_camera Assembleia da República Portugal

Portugal celebra o vindeiro 4 de outubro eleccións lexislativas, uns comicios nos que os portugueses están chamados a escoller os 230 deputados da Assembleia da República, cámara que será quen elixa o primeiro ministro da República. As enquisas que se están a publicar en pre-campaña e primeiros días de campaña electoral sinalan un empate técnico entre a coligazón conservadora 'Portugal à Frente' (formada polos gobernantes PSD, CDS-PP) e o Partido Socialista.

Na 'Eurosondagem' do 18 de setembro apóntase a unha vitoria dos socialistas, co 35,5% dos votos e entre 95 e 101 parlamentares. PàF obtería o 34%, o que se traduce entre 99 e 100 representantes na Assembleia. A CDU (Partido Comunista e Os Verdes) atinxirían de 20 a 22 deputados (10,3% dos sufraxios) e o Bloco de Esquerda andaría nos 6/9 parlamentares (5,2% dos votos). A maioría absoluta está en 116 deputados.

A dereita perde máis de 10 puntos, mais pode volver gañar

Nas lexislativas de 2011 a forza máis votada fora o PSD de Passos Coelho (38,6%, 108 deputados), por diante do Partido Socialista (28% e 74 escanos) e da CDU-PP de Paulo Portas, que obtivera o 11,7% dos votos e 24 escanos. A CDU lograra 7,9% sufraxios e 16 deputados e o Bloco, 8 representantes (5,17%).

Os inquéritos destes comicios en marcha amosan unha importante perda de apoios das forzas conservadoras (PSD, CDU), que en 2011 superaban o 50% dos votos e que agora, indo en coligazón, non sobrepasan o 40% no caso dos inquéritos máis optimistas. O PS experimentaría unha importante suba que, porén, non lle garante ser primeira forza.

O inquérito da Universidade Católica (20 de setembro) outorga a 'Portugal à Fronte' un 40% dos votos, polo 35% que obtería o 4 de outubro o Partido Socialista. A CDU lograría o 8% dos votos e o Bloco de Esquerda, un 7% dos apoios. A sondaxe 'Intercampus', tamén do 20 de setembro, vaticina un triunfo de PàF (40,1%) sobre o PS (37,1%). CDU obtería o 6,3% e o Bloco un 4%.

Goberno?

A maioría absoluta está nos 116 parlamentares. Unha cifra que non acadarían en principio, e segundo as sondaxes, nin PàF nin PS, polo que existe campo de xogo para posíbeis pactos e acordos de cara á elixir o primeiro ministro. E aí a CDU e BdE poden ser determinantes para un goberno de esquerda.

Comentarios