Portugal blíndase fronte á Covid

Este domingo entra en vigor a prórroga do estado de emerxencia, que vén acompañada dun fechamento das fronteiras. Renfe suspende temporalmente a liña ferroviaria Vigo-Porto.

Portugal volve estabelecer controis fronteirizos (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera Portugal volve estabelecer controis fronteirizos (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

O 15 de xaneiro, o primeiro ministro, António Costa, confinou novamente á poboación lusa agás por motivos laborais, sanitarios, asistencia a persoas maiores, facer deporte ou mercar bens de primeira necesidade. Nun primeiro intre mantivéronse as aulas presenciais, mais o agravamento da pandemia provocou o seu fechamento, cando menos durante dúas semanas, a contar desde o pasado día 22.

Agora o Goberno decide endurecer as restricións para se blindar contra o coronavirus. Este domingo, coa entrada en vigor dunha nova prórroga do estado de emerxencia (de dúas semanas), Portugal volve facer controis fronteirizos que, aseguran, non supón o fechamento total.

As e os portugueses non poden saír do país agás para volver ao lugar de residencia, visitas a familiares de primeiro grao, transporte de carga ou correo, emerxencias médicas, desprazamento a Azores ou Madeira ou por motivos laborais.

PCR e corentena

Tamén se permite cruzar a fronteira aos transportistas de mercadorías e vehículos de emerxencia. Nos aeroportos están suspendidos os enlaces co Reino Unido e o Brasil, e os voos procedentes de países cunha incidencia superior a 500 casos por 100.000 habitantes deben presentar unha PCR negativa realizada até 72 horas antes do despegue e, ao pisar territorio luso, ficar 14 días en corentena nun domicilio “ou nun lugar indicado polas autoridades sanitarias”.

Con todo, o Executivo portugués informa dunha excepción: o autoconfinamento domiciliario non é preciso “para viaxes imprescindíbeis cuxo período de estadía en territorio nacional, certificado por regreso, non exceda as 48 horas”.

As e os viaxeiros que procedan de países cunha incidencia entre 150 e 500 deben presentar tamén unha proba PCR con resultado negativo, mais non é preciso que entren en corentena en ningún caso.

Nos pasos terrestres habilítanse dous puntos de paso “permanentes” entre fronteiras: Valença-Viana de Castelo e Vila Verde da Raia-Chaves, que funcionarán as 24 horas. Outro enclave, en Monçao, permite o paso entre as 7 e as 9 horas e de 18 a 20 horas.

Por outra banda, Renfe anunciou este domingo a suspensión dos servizos ferroviarios entre Vigo e Porto por mor do fechamento. A empresa devolverá o importe dos billetes a todas e todos os viaxantes.

Portugal, nunha situación límite

Portugal enfróntase ao momento máis crítico da pandemia. Os casos activos duplicáronse nas últimas tres semanas até alcanzar perto de 180.000 a día de hoxe. Outro indicador da situación actual é o número de novos contaxios por día, que na primeira vaga nunca superou os 2.000 e, pola contra, este sábado foron 12.435 (a cifra máis elevada rexistrouse a quinta feira, 16.432 positivos esa xornada).

Así mesmo, a ocupación hospitalaria atópase en máximos históricos con 6.544 internamentos en planta e outros 843 nas Unidades de Coidados Intensivos, segundo os datos ofrecidos pola Direção-Geral da Saúde, polo que fica a piques de superar a capacidade máxima, que roldaría as 950 ou 980 camas para doentes da Covid en estado crítico.

A situación é especialmente crítica no norte de Portugal, onde municipios limítrofes coa Galiza coma Chaves ou Melgaço teñen unha incidencia acumulada a 14 días superior a 1.200 contaxios por cada 100.000 habitantes. O mesmo acontece ao outro lado da fronteira, xa que concellos coma Verín ou Oímbra presentan datos moi negativos.

Comentarios