Novo récord de mortes en Portugal pola Covid a horas das eleccións presidenciais

Polémica pola inclusión dos políticos no grupo prioritario de vacinación.
EuropaPress_2474742_07_november_2019_portugal_lisbon_portuguese_president_marcelo_rebelo_sousa
photo_camera O actual presidente parte como gran favorito a recuncar no cargo (Foto: Henrique Casinhas / SOPA Images Vi)

Portugal acumula máis de 600.000 contaxios desde o inicio da pandemia da Covid-19, un limiar que superou nun día, hoxe, en que a Direcção-Geral da Saúde (DGS) volveu confirmar un máximo histórico de mortes nun só día: 234.

En concreto, o balance oficial recolle 609.136 positivos, 13.987 máis que na quinta feira. A cifra de falecidos ascende xa a 9.920, mentres que continúa a medrar tamén o dato de enfermos ingresados en coidados intensivos (715), informou RTP.

O Instituto Nacional de Estatística estima que en 2020 houbo 10,6% máis de falecidos en Portugal que a media dos anos entre 2015 e 2019. En concreto, estímase que houbo máis de 12.200 mortes máis que en exercicios anteriores.

Os contaxios aumentaron drasticamente nestas últimas semanas, o que levou o Goberno de António Costa a aumentar progresivamente as restricións baixo o paraugas dun estado de urxencia. A semana pasada entrou en vigor un novo confinamento, reforzado estes días con varias medidas, entre estas a suspensión das aulas durante 15 días. Ademais, acordouse a limitación das conexións aéreas co Reino Unido, nun intento por frear a expansión da chamada "cepa británica".

O Goberno, entre tanto, ultima unha modificación do Plan de Vacinación que incluiría os políticos nos grupos prioritarios. A proposta causou onte polémica tras deixalo entrever o responsábel do plan, Francisco Ramos, nunha entrevista ao xornal Expresso. Cuestionado sobre os criterios de priorización, que deixaron fóra figuras como o presidente da República e titulares de órganos do Goberno, Ramos respondeu: "Essa decisão está em revisão e estamos exatamente a trabalhar numa proposta para que possam ser incluídos entre os prioritários os titulares de altos cargos de decisão porque, obviamente, é essencial estarem protegidos"

Rebelo de Sousa repetirá

No medio desta situación, Portugal vota mañá nas eleccións presidenciais. As tres sondaxes publicadas onte, último dia da campaña electoral, apuntan a unha vitoria clara do actual presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, e dan o segundo lugar á ex eurodeputada socialista, Ana Gomes. 

Con todo, a enquisa publicada polo Expresso e a SIC, recolle un axustado resultado entre Gomes e o ultradereitista André Ventura, entre 12% e 14% dos votos. O conservador Rebelo de Sousa, pola súa banda, recibiría entre 58% e 60% dos sufraxios. O único temor no seu equipo é que o medo á Covid fomente a abstención e dea pulo á extrema dereita.

Comentarios