mércores 03/03/21

A ultradereita portuguesa chega para ficar

Se ben os resultados do Chega! nas presidenciais foron discretos –e sendo uns comicios peculiares polas limitadas competencias do xefe do Estado e a situación sanitaria– o certo é que se confirma a tendencia alcista da ultradereita en Portugal. Trazos comúns en Europa e a popularidade do seu líder, André Ventura, explícano en parte.
andre_ventura_convencao_chega8712bbdadefaultlarge_1024
André Ventura debe gran parte do éxito á súa condición de comentarista de fútbol en programas de TV en representación do Benfica (Foto: Chega!)

Cunha clase media minguante nun mundo cada vez máis conectado a nivel económico e social, solucións fáciles para problemas difíciles. O lento mais progresivo crecemento da extrema dereita en Portugal comparte as receitas propostas na última década por formacións homologábeis arredor de toda Europa. Un discurso populista ao que se suma o racismo: buscar culpábeis da mala situación socioeconómica nos que veñen de fóra, nun país tradicionalmente emigrante. Mentres, ao outro lado do espectro, unha esquerda que non acaba de atopar o seu sitio no mundo tras a caída do muro de Berlín, inmersa no debate entre modernismo e posmodernismo. E de espectadora, unha cidadanía coa confianza nas institucións e no Estado do benestar polo chan. 

En outubro de 2019, nas eleccións lexislativas, Portugal deixou de ser uma excepción no Vello Continente coa entrada da formación ultradereitista Chega! na Assembleia da República. Xusto un ano despois, o partido confirmou que ese resultado non era auga nun cesto e nos comicios nos Açores conseguiu un resultado o suficientemente relevante como para condicionar a formación do Goberno rexional. Non é o número de votos atinxidos ─cifra moi humilde─, senón a tendencia ascendente o que chama a atención.

Nas xerais de 2019, o Chega! só obtivo 67.826 votos en todo o país. Isto é, 1,29% dos 5,2 millóns de sufraxios emitidos nun Estado de 10,2 millóns de habitantes. Nos comicios dos Açores, a porcentaxe subiu a 5,06% ─superando escasamente a cifra mínima exixida en moitos parlamentos europeos para obter representación─. Foron apenas 5.260 votos dos 104.009 emitidos, mais que lle valeron para se facer con dous representantes, dos que a dereita clásica non renegou para desbancar o Partido Socialista (PS) e se facer co Goberno cunha geringonça conservadora.

Marcar axenda

En troco polo seu apoio, o Chega! exixiu ao Partido Social Demócrata (PSD, centrodereita)unha redución dos beneficios sociais e do número de deputados rexionais. O acordo foi duramente criticado. O PS acusou o líder nacional do PSD, Rui Rio, de "vender a alma ao diabo (hipotecando-se a propostas de reposição da barbárie, como a prisão perpétua ou a  castração química) para atingir o exercício do poder". E a líder do Bloco de Esquerda, Catarina Martins, dixo que segue "infelizmente um caminho a que se tem assistido nalguns países da Europa que é quando direita que se diz democrática abre a porta às forças que não são democráticas".

Este condicionamento na formación de Gobernos é a que realmente preocupa na maioría do ámbito político portugués. O domingo, nas eleccións presidenciais, o Chega! volveu subir. Mais, de novo, non abraia o resultado atinxido ─terceiro posto e só 11,9% dos votos─ senón a tendencia, que indica que o partido ultradereitista veu para ficar e para marcar axendas. 

Neste sentido, un total de 54 personalidades portuguesas aliñadas cos ideais políticos do centrodereita asinaron unha carta tras o acordo do PSD co Chega! nos Açores. "Não contestamos a legitimidade dos novos movimentos de direita, nem ignoramos as razões de descontentamento e exasperação dos seus apoiantes. Mas não se responde à deriva com a amálgama. É preciso deixar bem claro que as direitas democráticas não têm terreno comum com os iliberalismos. É essa clareza que defendemos", sinalaban no texto publicado no xornal Público no pasado 10 de novembro.

André Ventura

De se asentar a nivel nacional, será complicado que a dereita clásica poida gobernar en Portugal sen contar cos apoios do Chega! Con todo a súa capacidade de crecemento está limitada ao espírito personalista da formación, que naceu e medrou da man da popularidade do seu líder, André Ventura, unha figura mediática e carismática, que debe gran parte do éxito á súa condición de comentarista de fútbol en TV en representación do Benfica.

A través dunha linguaxe incendiaria nas redes sociais, este avogado de 37 anos aposta por políticas de máxima severidade contra a inmigración ilegal, por endurecer as penas de prisión, pola castración química para pederastas e violadores convictos e pola redución do número de deputados no Parlamento na súa particular cruzada contra as "elites" nacionais. Trazos estes que se repiten entre as formacións populistas europeas.

Mais noutros asuntos destácase do pelotón pola dereita. Por exemplo, propondo votar a posibilidade de extirpar os ovarios ás mulleres que aborten. Ou tamén, avogando pola expulsión do país da deputada negra Joacine Katar, coincidindo cun momento en que a Rede Europea contra o Racismo (ENAR, nas siglas en inglés) acaba de alertar do "aumento moi preocupante de ataques racistas da extrema dereita en Portugal".

comentarios