Rego empraza o Executivo español a priorizar a liña ferroviaria Vigo-Porto

O BNG rexistra iniciativas no Congreso para coñecer os compromisos alcanzados entre o Goberno do Estado e o executivo portugués tras o cumio hispano-luso decorrido en Trujillo. No máis concreto, o deputado Néstor Rego, quere saber se se tratou de maneira específica a conexión ferroviaria da Galiza co norte de Portugal e se o executivo estatal incluirá nos orzamentos partidas suficientes para levar a cabo o novo trazado e o impulso da modernización da liña ferroviaria Vigo-Porto.

Un tren pasa por unha zona preparada para o AVE na Galiza. (Foto: ADIF)
photo_camera Un tren pasa por unha zona preparada para o AVE na Galiza. (Foto: ADIF)

Na rolda de prensa posterior ao cumio hispano-luso que reuniu na quinta feira os presidentes do Estado español e portugués fíxose pública a aposta polo tren e o transporte sostíbel. Porén, non transcenderon compromisos concretos de investimento nin acordos sobre prazos.

“O presidente de Portugal mencionou nas súas declaracións que unha das súas prioridades en materia ferroviaria era a conexión Vigo-Porto”, apunta o BNG nun comunicado de prensa.

“A nivel ministerial tamén puxeron o exemplo dos avances que xa está en redacción o estudo informativo do proxecto da saída sur de Vigo, proxecto que leva sen avances significativos desde 2007”, mais non fixou prazos, lamenta a formación nacionalista.

Pedro Sánchez, xefe do Executivo español, “esqueceuse de citar a conexión do Eixo Atlántico mais si nomeou a conexión Madrid-Lisboa”. Por este motivo, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, quere saber se durante o cumio, ambos os Estados trataron de maneira específica nas conversacións a modernización da conexión ferroviaria, tanto de persoas como de mercadorías, entre Vigo e Porto.

Mesmo pregunta sobre se o Executivo español rectificará e incluirá nos orzamentos partidas específicas suficientes para acometer as obras de modernización e a adquisición de máquinas e vagóns mellores, así como a ampliación de frecuencias.

"A modernización da conexión ferroviaria entre Vigo e Porto é vital por tratarse dunha infraestrutura estratéxica para a vertebración das conexións entre a Galiza e o norte de Portugal", explica Rego nun comunicado de prensa no que expresa que “os continuos retrasos na execución e o esquecemento do Goberno do Estado nos OXE de 2022 non contribúe a esa aposta que os dous presidentes anunciaban sobre o transporte sostíbel”.

O deputado do BNG advirte de que proxectos como a saída sur de Vigo, a supresión dos pasos a nivel, a mellora do trazado e a dotación con sistemas de seguranza máis avanzados “continúan sen contemplarse e sen ter partidas suficientes”.

O nacionalista considera "imprescindíbel” a modernización e a mellora do servizo desta liña e afirma que debe ir acompañada tamén da integración da liña de mercadorías Vigo-Porto no Corredor Noroeste, garantindo o acceso a fondos europeos para o seu financiamento".

Engade que isto implicará unha mellora nas conexións de media distancia da Galiza, vertebrando o territorio e conectando a área metropolitana de Vigo coa comarca do Baixo Miño.

Comentarios