O BNG insiste en axilizar a conexión Vigo-Porto e impulsar o Corredor Atlántico

Igrexas reclamou ao actual Executivo central de PSOE e Unidas Podemos que abandone a “cegueira centralista” coa que seguen "castigando" a cidade e o conxunto da Galiza.
Xabier P. Igrexas e Ana Miranda. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xabier P. Igrexas e Ana Miranda. (Foto: Nós Diario)

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o portavoz municipal dos nacionalistas en Vigo, Xabier P. Igrexas, explicaron que a formación está a desenvolver unha "ofensiva" institucional para axilizar as conexións entre a Galiza e o norte de Portugal.

Neste sentido, Miranda e Igrexas criticaron a "inacción" do Goberno español para impulsar a vertenta galega do Corredor Atlántico e mellorar a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto, e contrapuxérona cos esforzos de Portugal.

“Resulta moi curioso que sexa o primeiro ministro de Portugal o que reclame a alta velocidade entre a Galiza e Portugal e defenda a mellora da conexión ferroviaria entre Lisboa e Vigo”, comentou Ana Miranda en relación á diferentes declaracións de Antonio Costa nas que salientou a importancia de reducir os tempos de viaxe entre Vigo e Porto.

“A falta de vontade política de PP e PSOE nos sucesivos gobernos do Estado para levar a cabo a modernización da liña entre Vigo e Porto impide que Galiza deixe de estar discriminada, xa que decidiron investir noutros territorios en detrimento de Galiza, o cal só provoca un retraso continuado das datas”, explicou a portavoz europea.

Conexión estratéxica para Vigo

Pola súa parte, Xabier P. Igrexas subliñou a “importancia estratéxica” que para Vigo e a súa área ten a conexión ferroviaria con Portugal. “Trátase dun elemento esencial se queremos liderar a Eurorrexión Galiza – Norte de Portugal”, advertiu.

Igrexas cualificou de “indefendíbel” que dúas cidades como Vigo e Porto estean conectadas por apenas dúas frecuencias diarias cun tren que tarda case 2 horas e media en completar o percorrido. “Algo así non sucede en ningún outro lugar de Europa. Falamos dun tren que tarda case 45 minutos máis que o traxecto en coche por estrada para conectar dúas grandes áreas urbanas”, enfatizou.

Igrexas reclamou ao actual Executivo central de PSOE e Unidas Podemos que abandone a “cegueira centralista” coa que seguen "castigando" a cidade e o conxunto da Galiza. “As viguesas e vigueses estamos xa fartas da promesas e boas palabras. Queremos compromisos reais no BOE”, esixiu.

Comentarios