Vigo e Porto recuperan as catro conexións ferroviarias diarias

Renfe, que estabeleceu unha tarifa máis barata entre Ourense e Madrid que de Ourense á Coruña, non recuperará até mediados de 2022 todas as conexións na Galiza.
Pasaxeiros agardan para subir a un tren de Renfe durante a última folga (Foto: Alejandro Martínez Vélez/Europa Press).
photo_camera Pasaxeiros agardan para subir a un tren de Renfe durante a última folga (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).

Vigo e Porto recuperan este domingo as súas catro conexións diarias en tren, logo de que as frecuencias se reducisen por mor da pandemia.

Renfe e Comboios de Portugal acordaron repor o tren Celta, que conecta a cidade olívica co Porto, coas mesmas liñas que circulaban antes de 2020 —con saída de Vigo ás 8.58 e 19.56 horas e do Porto ás 8.13 e 19.10 horas—.

Aliás, ambas as compañías lanzarán prazas promocionais desde este mesmo domingo até o 11 de decembro cun prezo de 5,25 euros para este traxecto.

Tamén poderán realizarse viaxes entre esta cidade lusa e Compostela, con enlace en Vigo, por 10,3 euros.

Servizos pendentes na Galiza

Porén, a progresiva "volta á normalidade" estase a producir a un ritmo máis lento no interior da Galiza, que perdeu 45% das frecuencias de media distancia pola pandemia e, no eixo atlántico, aínda non recuperou 25%, segundo estimacións da Confederación Xeral do Traballo (CXT).

Aliás, Renfe anunciou a pasada semana que non recuperará a totalidade da circulación de trens no país até mediados de 2022.

Así as cousas, Renfe vén de estabelecer unha tarifa máis barata entre Ourense e Madrid —30 euros ida e volta— que entre a cidade das Burgas e A Coruña —40 euros—.

Comentarios