En Polonia, "a revolución é unha muller"

Tras dúas semanas de mobilizacións diarias nas rúas, o Executivo polaco comunicou esta terza feira a decisión de adiar o ditame do Tribunal Supremo que veta o aborto de fetos con defectos conxénitos. A influencia do Goberno ultraconservador de Morawiecki na xustiza xa foi posta en cuestión con anterioridade desde a Comisión Europea.
EuropaPress_3398866_quinto_dia_protestas_polonia_nueva_mas_restrictiva_ley_aborto_ilegaliza
photo_camera Un momento dunha das numerosas marchas de protesta que se desenvolveron nas últimas dúas semanas en varias cidades de Polonia (Attila Husejnow / Zuma Press)

O Goberno de Polonia comunicou hoxe a súa decisión de demorar a execución dunha sentenza do Tribunal Supremo que restrinxe o acceso ao aborto e que desencadeou semanas de protestas en todo o país. A publicación oficial da sentenza estaba prevista para a segunda feira; até que así sexa, non ten efectos legais ningúns. Porén, segundo medios locais, algúns hospitais comezaron xa na fin de semana a rexeitar mulleres que acudironn co fin de que se lles practicase un aborto.

"Hai unha discusión en curso e sería bo tomármonos un tempo para o diálogo e para achar unha solución a esta situación tan difícil e que provoca emocións intensas", declarou un portavoz do primeiro ministro, Mateusz Morawiecki.

A corte constitucional ditaminou o 22 de outubro que é inconstitucional abortar un feto por ter defectos conxénitos, unha decisión que restrinxe aínda máis unha norma que xa era unha das máis restritivas sobre a interrupción do embarazo da Unión Europea.

Segundo esta resolución, agora tan só serían legais os abortos en caso de a saúde da nai correr perigo ou cando o embarazo fose consecuencia dun crime, como a violación ou o incesto. 

Nas décadas de 1960 e 1970, o aborto era libre en Polonia até un determinado número de semanas de xestación, mais tras a caída do comunismo e co importante apoio do papa ─polaco─ Xoán Paulo II (1978-2005) a normativa foise endurecendo até a actualidade. 

Folga de mulleres

A sentenza do alto tribunal provocou protestas masivas case a diario nestas últimas semanas. Manifestacións que, ademais, van en contra das restricións estabelecidas polo Goberno co fin de frear a expansión do coronavirus. Isto é, a prohibición das aglomeracións de máis de cinco persoas nun só lugar. 

Os organizadores teñen no punto de mira a Morawiecki, mais tamén a igrexa católica polaca, cunha estreita relación co partido Lei e Xustiza (PiS, nas siglas en polaco), que afecta á gobernanza da vida pública no país. Os templos católicos foron obxecto da ira dos manifestantes nos primeiros días logo da decisión xudicial. Nomeadamente, en Varsovia, Poznan e Katowice interromperon servizos relixiosos e realizaron pintadas nas paredes dos templos.

Tamén desenvolveron, na cuarta feira da semana pasada, un paro laboral feminino, coas mulleres abandonando os seus postos de traballo para levaren a cabo unha marcha cidadá. Algunhas empresas e centros educativos decretaron ese día libre co fin de que todos os empregados puidesen participar na protesta, con cánticos como "A revolución é unha muller".

E esta fin des semana produciuse unha nova mobilización masiva en Polonia, das máis grandes desde as organizadas polo sindicato Solidarność na década de 1980 contra o Partido Comunista ─precisamente, con grande apoio da Igrexa católica polaca─. As marchas foron secundadas nas principais cidades. Na capital Varsovia, os manifestantes camiñaron até o domicilio de Jaroslaw Kaczynski, viceprimeiro ministro e líder do PiS.

Tanto a casa del como as igrexas da zona estaban fortemente protexidas por ducias de axentes de seguridade e vehículos blindados. Porén, a pesar deste despregue policial, as e os manifestantes foron atacados en varias ocasións por grupos de ultras que lles lanzaron pedras, petardos e outro tipo de proxectís. 

Ameazas de neonazis

A semana pasada, Kaczynski chamou a protexer as igrexas "a calquera prezo". A Policía arrestou 37 persoas, das que 35 foron identificadas como hooligans de fútbol, segundo informou o xornal Gazeta Wyborcza.

Entre as persoas manifestantes ese día estaba Marta Lempart, unha das líderes de Ogolnopolski Strajk Kobiet (OSK, "Folga Nacional de Mulleres"), o principal grupo organizador das mobilizacións contra a sentenza do Supremo. Os medios polacos informaban onte de que o teléfono e o enderezo de Lempart foran publicados na conta de Telegram "Vandalination" por membros de grupos neonazis.

Nesta canle, accesíbel a través de internet, deféndese o uso da violencia contra as mulleres feministas "independentemente que sexan conservadoras ou de esquerdas", xa que "gañaron o dereito a ser golpeadas cunha barra na boca igual que un esquerdista".

A sentenza do Tribunal Supremo chega, ademais, despois de anos de enfrontamento xudicial entre Polonia e a Comisión Europea. O pasado mes de abril, o Tribunal de Xustiza da UE exixiulle ao Goberno polaco a paralización inmediata do sistema disciplinario que levantara contra os xuíces que se negan a fallar ao seu favor.

O PiS tenta desde hai tres anos unha reforma xudicial que a UE dixo, por activa e por pasiva, que socava o Estado de dereito e os principios da democracia liberal.

Un raio vermello na pel, símbolo da loita

A súa orixe remóntase á Segunda Guerra Mundial, cando guerrilleiros polacos utilizaron o raio vermello como símbolo durante os combates no levantamento de Varsovia en 1944 contra as tropas de ocupación nazi. Recuperouse en 2016, nas protestas contra o PiS, e agora de novo máis e máis mulleres tatúano na pel.

Comentarios