Polonia, entre a dereita liberal e a homófoba

Con case 40 millóns de habitantes, 8,5% da poboación da UE, Polonia elixirá en segunda volta o presidente do país entre Rafał Trzaskowski, da Plataforma Cívica –afiliado co Partido Popular Europeo–, e o actual mandatario, Andrzej Duda, aliado do partido conservador populista no Goberno desde 2015, Lei e Xustiza.
2020062914422417127
photo_camera O actual presidente de Polonia, Andrzej Duda, impúxose na primeira volta das eleccións e buscará agora atraer o voto da ultradereita (Hubert Mathis / dpa)

Na madrugada do 6 de maio de 2019, a coñecida activista polos dereitos civís Elżbieta Podleśna era detida no seu domicilio en Varsovia. A Policía confiscoulle o ordenador, o móbil e discos duros portátiles. Tamén varios cartaces da Virxe María, que a representaban cun halo coas cores da bandeira gay. Foi acusada de ofender os sentimentos relixiosos, un crime castigado con até dous anos de cárcere.

A advocación mariana da ilustración era a da Virxe Negra de Częstochowa, patroa de Polonia e simbólica "raíña" do país desde o século XVII. Podleśna, que se declara crente, colocou estes cartaces polas rúas da cidade de Płock, a cen quilómetros de Varsovia, para protestar pola campaña da Igrexa Católica durante esa Semana Santa cualificando a homosexualidade e o transxénero como "pecados". Ademais, pegou en papeleiras imaxes de bispos que supostamente protexeran sacerdotes acusados de abusos sexuais. 

Podleśna xustificou o acto de protesta dicindo que "ninguén debería ser excluído da sociedade". "A orientación sexual nin é un pecado nin é un crime e a Santa Nai protexería esas persoas da Igrexa e dos sacerdotes que pensan que é correcto condenar outras persoas", afirmou.

O caso de Podleśna estivo moi presente o pasado domingo, Día do Orgullo Gay e xornada electoral en Polonia. Nestes comicios presidenciais, que a pandemia impediu realizar o 10 de maio, impúxose o actual mandatario, Andrzej Duda. Porén, non alcanzou a maioría necesaria para evitar unha segunda volta, o 12 de xullo.

A reelección de Duda, aliado do actual Goberno, é crucial para que o partido conservador populista no Goberno, Lei e Xustiza (PiS, pola siglas en polaco), poida continuar desenvolvendo a súa axenda, que inclúe o compromiso de protexer a familia tradicional e loitar contra o que chama a "ideoloxía LGTB".

Onte, coñecidos os resultados, Duda manifestou que será un gardián dos valores conservadores e que as parellas homosexuais nunca poderán adoptar crianzas. As súas palabras ían directamente dirixidas ao case 7% de votantes (cuarta opción electoral) que apoiaron a Krzysztof Bosak, o candidato do partido de extrema dereita Confederación Liberdade e Independencia, e que poden ser decisivos o 12 de xullo. "Temos moitos valores en común con Krzysztof Bosak", sinalou Duda. 

Duda obtivo 43,67% dos votos, con 99,78% do total de distritos electorais escrutados. Na segunda volta terá en fronte a Rafal Trzaskowski, que se presenta polo maior partido da oposición, a formación da dereita liberal Plataforma Cívica, e que se fixo con 30,34% do sufraxio. Fóra da carreira quedou o independente Szymon Hołownia, personalidade televisiva que logrou 13,85% do apoio (terceiro) e que é crítico co discurso homófobo do Goberno. 

Fondos da COVID-19

Poderíase facer cos seus votos Trzaskowski, que ademais se declara europeísta nun momento en que as relacións entre o Goberno polaco e Bruxelas están cada vez máis deterioradas. As reformas que ameazan a independencia xudicial e as políticas contra os dereitos civís, nomeadamente contra a comunidade LGTB, causan malestar no seo da UE. 

De feito, segundo informan medios internacionais, estase a presionar desde diferentes ámbitos para que Polonia, quinto Estado membro por poboación, sexa 'castigado' con menos diñeiro do fondo de recuperación da COVID-19.

Como alcalde de Varsovia, Trzaskowski asinou o ano pasado unha declaración de apoio á comunidade LGTB e en contra da discriminación. Foi a primeira deste tipo aprobada nunha Polonia onde unha terceira parte dos municipios do país foron declarados "zonas libres de ideoloxía LGTB". Iniciativa de carácter simbólico que contou co apoio do PiS.

"Peor que o comunismo"

O PiS oponse, desde a súa fundación en 2001 polos xemelgos Lech e Jarosław Kaczyński, aos dereitos da comunidade LGTB. Despois da detención de Elżbieta Podleśna, o daquela ministro do Interior, Joachim Brudziński, escribiu na súa conta do Twitter: "Todas esas parvadas sobre liberdade e 'tolerancia' non dan a ninguén o dereito a insultar os sentimentos dos crentes". 

Nestes comicios, Duda declarou nun acto electoral que a xeración de seus pais non loitara "durante 40 anos para expulsar a ideoloxía comunista das escolas" para que agora se acepte "que veña outra ideoloxía, aínda máis destrutiva para o ser humano".

Polo seu lado, o candidato da coalición de esquerdas, Robert Biedroń, abertamente homosexual e o único progresista de toda a lista de contendentes, acabou en sexto lugar, con só 2,21 % dos votos, por detrás do líder do Partido Campesiño Polaco. Nunha recente entrevista, Biedroń afirmou: "En Polonia vivimos na Idade Media".

Comentarios