INTERNACIONAL

A policía mata un segundo afroamericano en San Luis e o número de detidos ascende xa a 78

A policía mata un segundo afroamericano en San Luis e o número de detidos ascende xa a 78

Non cesa a tensión en San Luis, Missouri, nen os confrontos entre a populación afro-americana e os corpos policiais e militares.

Un outro mozo negro foi morto por disparos da policía en San Luis, Missouri, a non moita distancia do lugar en que o 9 de Agosto foi abatido Michael Brown. Desta volta, segundo a información da policía, o rapaz acababa de roubar nun supermercado e si ía armado, portaba un coitelo.

Após a súa morte, a vítima foi identificada como Kajieme Powell.

De acordo coa versión dos axentes, o mozo negro, embora lle ter sido requerido, negouse a entregar a súa arma e se colocou a unha distancia dos axentes suficiente para pór en risco a súa integridade física. Os policías dispararon a matar.

A comunidade afro-americana voltou a considerar desproporcionada a actuación policial, o que agoira un incremento da tensión.

Meios locais informaron onte de que o número de persoas detidas nos confrontos ascende xa a 78 persoas.

San Luis, Missouri, está suxeito virtualmente a un estado de excepción, con ocupación das rúas por parte do Exército, en concreto por parte da Garda Nacional, un corpo militar.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios