A Garda Nacional do Estado de Missouri -a Garda Nacional é un corpo militar e depende de cada un dos Estados que constitúen os EUA- foi mobilizada para facer fronte a protestos sociais provocados polo crime racista de Mike Brown, morto a mans da policía estadounidense.
É a primeira vez desde os disturbios de Los Angeles de 1992 en que as autoridades políticas deciden mobilizar o Exército para reprimir protestos sociais.
A decisión de mobilizar a Garda Nacional tomouna o gobernador de Missouri, Jay Nixon. O presidente dos EUA, Barack Obama, tomou distancia a respeito desta decisión, e anunciou que monitorizaría a situación, através da fiscalía do Estado, para comprobar se os soldados "axudan ou entorpecen" na procura dunha saída ao conflito.
A policía afirma que un grupo de manifestantes utilizaron medios violentos (cócteles molotov) para expresar a súa ira, mentres que un portavoz policial admitiu que dúas persoas foron albo de disparos.
Segundo The Guardian, após a chegada dos efectivos da Garda Nacional, a policía ordenou aos xornalistas que desaloxasen a zona en que os confrontos eran máis intensos, ao tempo que se producían choques con algúns manifestantes que, afirma o diario británico, tamén estaban armados.
Segunda autopsia
The New York Times informou esta terza feira de que -segundo a autopsia encarregada polo Departemento de Xustiza dos EUA, a segunda que se lle realiza a Brown- o mozo afroamericano tería morto ao recibir 6 disparos, dous deles na cabeza.
Brown, de 18 anos, foi tiroteado o pasado 9 de agosto cando paseaba cun amigo polo bairro de Ferguson. Estaba desarmado.