A pobreza alíase co Haiyan na traxedia de Filipinas

Arredor de dez millóns de persoas afectadas -catro delas, menores- e un número de mortes polo de agora difícil de calcular, con cifras que bailan nun intervalo inmenso, debuxan o panorama da desolación en Filipinas, arrasada por un ciclón que se cebou na pobreza daquela terra. O goberno decretou estado de calamidade mentres o rescate continúa e a axuda comeza a chegar con dificultade. 

photo_camera

A traxedia non se mide xa en Filipinas onde o número de mortes acrecéntase coa destrución xeral que constrúe a máis desvastadora das imaxes. A axuda comeza a chegar nunha xestión complexa e insuficiente para os efectos dun tifón que arrasou unha terra xa abondo maltratada. 

Que o tifón Haiyan teña as dimensións maiores que se recordan na terra e que se cebara nun lugar onde a pobreza impera son dúas condicións que fan que Filipinas sexa nestes días sinónimo de desolación. O mar que rodea esta terra na que a miseria paira por case toda parte ten afeita a súa poboación a tifóns, arredor dunha vintena ao ano, mais o Haiyan desbordou a máis pesimista das previsións. O goberno teima en repetir que ningunha previsión estaría á altura da violencia do tifón malia a responsabilidade que o presidente, Benigno Aquino, deite nas autoridades locais. 

Vivendas febles, olas altas e ventos de velocidade incontrolábel son o combinado que deixou Filipinas arrasadas, con casas derrubadas xa que a súa construción non estaba á proba da ferocidade do tifón. Tocloban segue a ser o centro da catástrofe, mergullada pola auga que levou con ela todo o que atopaba ao seu paso, inundando a cidade en dimensións inesperadas que mesmo reventou os propios centros de evacuación. As cifras bailan nun intervalo inmenso e mentras a ONU continúa manexando a cifra de 10.000 mortes, o Centro para os Desastres prefire confirmar 1.774, cifra que facía oficial onte. 

Estado de calamidade

Estado de calamidade e de catástrofe natural son as declaracións que tentan controlar a situación excepcional na que viven os habitantes de Filipinas, consideración que se extrema en Toclaban onde  o goberno decidiu declarar estado de emerxencia e impor o toque de queda co fin de controlar saqueos e roubos dunha poboación desesperada que tenta sobrevivir nun cemiterio sen teito, nun vertedeiro inmenso e nunha cidade ocupada por forzas militares. 

Canda Tacloban, Guiuan, onde chegou o tifón en primeiro momento, se adiviña xa como outros dos puntos de desolación, convetida en ruínas ás que tardaron en chegar os equipos de rescate e de situacións de horror entre os supervivintes, afectados en especial polo vento mais non tanto como Tacloban polas ondas, o que fai que as mortes sexan menos malia a gran destrución. Como Tacloban, como Guiuan, outras moitas poboacións de Filipinas, arredor da metade das súas provincias, fíronse afectadas por un tifón do que aínda non se coñecen a dimensión das consecuencias mais xa se sabe que son tráxicas. 

Comentarios