O PNV xa ten substituto para Urkullu: este é Imanol Pradales

A dirección do PNV cre que é momento de dar paso a unha nova xeración que "impulse o autogoberno na próxima década"

Imanol Pradales Gil. (Foto: Deputación de Bizkaia)
photo_camera Imanol Pradales Gil. (Foto: Deputación de Bizkaia)

O PNV aposta polo deputado foral do Departamento de Infraestruturas e Desenvolvemento Territorial, Imanol Pradales, como candidato a lehendakari ás próximas eleccións vascas, en substitución de Iñigo Urkullu.

Así o anunciou a través dun vídeo dirixido á súa militancia o presidente do EBB do PNV, Andoni Ortuzar, despois de que na mañá deste sábado reuniura de maneira extraordinaria a executiva jeltzale. Tras agradecer o labor de Urkullu, explicou que é momento de dar paso a unha nova xeración que "pilote as institucións vascas e impulse o autogoberno na próxima década" en tempos de "incertezas e oportunidades como pobo".

Neste encontro, decidiuse dar inicio ao proceso interno para a elección das candidaturas do partido a Lehendakaritza, ao Parlamento Vasco e tamén ao Parlamento Europeo. De feito, xa se realizaron as comunicacións regulamentarias aos consellos territoriais da formación jeltzale, que posteriormente irán a mans das organizacións municipais. Desta forma, actívase o proceso que se prolongará desde este sábado até o próximo 20 de xaneiro.

Ortuzar tamén se referiu á información que saltou na sexta feira á opinión pública sobre que o PNV comunicara ao lehendakari, Iñigo Urkullu, que non o volvería a propor como candidato, e denunciou "as filtracións interesadas de información, nesgadas por datos non certos, co posíbel propósito de mediatizar e interferir" na actividade interna do partido.

Ante o temor de que volvese ocorrer o mesmo coa proposta de Pradales, a formación jeltzale adiantou uns días o cronograma establecido (que pretendía iniciar a vindeira segunda feira) para ofrecer á afilicaicón "información de primeira man sobre as decisións do Euskadi Buru Batzar".

O camiño dunha nova xeración

Andoni Ortuzar asegurou que o PNV valora "moi positivamente a actuación de Urkullu e a alta representación que exerceu do autogoberno".

Ademais, dixo que o EBB, "mirando ao medio e a longo prazo, considera que é o momento adecuado para, desde a máis que satisfactoria base que deixan o lehendakari Urkullu e o seu Goberno, abrir o camiño a unha nova xeración que sexa capaz de pilotar as institucións vascas e impulsar o autogoberno na próxima década nuns tempos políticos con tantas incertezas como oportunidades para o noso pobo", resaltou.

Para a executiva jeltzale, "esa xeración encárnaa á perfección a candidatura que hoxe propuxo para a Lehendakaritza. Nesta liña, destacou que Imanol Pradales Gil, 47 anos, afiliado na organización municipal de Santurtzi, é doutor en Socioloxía, trilingüe, con varios máster "e unha probada capacidade de xestión".

"A súa contribución a todos os procesos de reflexión e innovación que desenvolveu o partido no últimos dez anos fan del un profundo coñecedor da nosa realidade política interna e externa", manifestou.

Comentarios