Pérez-Tapias, líder da esquerda do PSOE, abandona o partido

Ao contrario que as socialdemocracias francesa, alemá ou británica, o PSOE non viviu excesiva axitación nas súas faccións de esquerda durante os últimos tempos. Unicamente a tentativa de conquistar a secretaría xeral por parte de José Antonio Pérez-Tapias, ex deputado e líder de Izquierda Socialista, pode encadrarse dentro desas tensións. Derrotado en 2014 fronte a Pedro Sánchez, Pérez-Tapias vén de anunciar que abandona o partido despois de 25 anos de militancia.
 

jose-antonio-perez-tapias-575x323-680x365
photo_camera O ex deputado socialista José Antonio Pérez-Tapias. Foto: cedida.

O seu distanciamento respecto do rumbo da organización pareceu diminuír cando, hai nove meses, apoiou a operación retorno de Sánchez. Este, tras ser descabalgado da dirección do PSOE no que o propio Pérez-Tapias describiu como unha conxura “de Estado”, reconquistaba o posto de secretario cun discurso de aires esquerdistas. Mais a cuestión catalá devolveu a organización socialista ao seu lugar como alicerce do réxime monárquico. E levou a Pérez-Tapias a darse de baixa na mesma.

En declaracións recentes aos medios de comunicación, salientaba a necesidade de que o Estado español camiñe cara á “plurinacionalidade federal” a través dun novo proceso constituínte e defendeu, contra o centralismo explícito que se apropiou do PSOE, un referendo pactado para Catalunya. Ademais, sempre amosou preferencia por que o partido se achegase ao mundo Podemos e se distanciase da tentación centrista.

Nado en Sevilla en 1955, é profesor de filosofía na Universidade de Granada. O seu último libro titúlase A insoportábel contradición dunha democracia cínica (2017).

Comentarios