mércores 28/10/20

A percepción dos Estados Unidos a nivel mundial baixa a niveis da guerra do Iraq

A xestión da pandemia por parte de Donald Trump agudizou a tendencia observada nos últimos anos entre os principais países europeos e outros dos máis desenvolvidos do mundo: a confianza nos EUA é mínima, superando na maioría dos casos os momentos máis controvertidos dos oito anos de mandato de George W. Bush, segundo un recente estudo.
2020091714284834783
Variación desde o ano 2000 na aprobación dos EUA entre a opinión pública dos Estados analizados (Pew Research Center / Nós Diario)

Desde que Donald Trump chegou á Casa Branca, a imaxe dos EUA no mundo deteriorouse na maior parte dos territorios do planeta. Así o testemuña un estudo que acaba de publicar o prestixioso Pew Research Center, instituto de investigacións sociolóxicas estadounidense con base en Washington DC. 

A falla de confianza é especialmente significativa entre os habitantes de países tradicionalmente aliados dos EUA, como o Canadá, o Reino Unido e os Estados membros da UE. Tanto que nalgúns, o Pew rexistrou as cotas máis baixas desde que comezou a elaborar estudos sobre este tema hai 20 anos. Por exemplo, entre a opinión pública británica tan só 41% expresan unha opinión favorábel.

A análise elaborouse con base nos datos recollidos en entrevistas telefónicas a 13.273 persoas adultas, realizadas entre o 10 de xuño e o 3 de agosto deste ano 2020 en 13 Estados de Norte América, Europa e a rexión Asia-Pacífico. Nomeadamente, o Canadá; Alemaña, Bélxica, Dinamarca, España, Francia, Italia, Países Baixos, Suecia e o Reino Unido; e Australia, o Xapón e Corea do Sur.

34% de aprobación

En Francia, a porcentaxe de persoas que ven os Estados Unidos de forma positiva fica en 31%, unha cifra similar ás alcanzadas en marzo de 2003, no momento máis álxido das tensións entre Washington e París por mor da guerra do Iraq. Tamén a aprobación estadounidense por parte dos habitantes de Alemaña segue un mesmo patrón: nesta enquisa marca 26%; na mesma de marzo de 2003, 25%.

A media dos 13 Estados analizados ofrece que só 34% da súa poboación ten unha imaxe favorábel do país norteamericano. Súbea Corea do Sur (59%), que lidera a listaxe. A continuación vén outro histórico aliado estadounidense, Italia, mais que fica en 45% despois dunha notábel caída con respecto ao ano pasado. 

Completan a clasificación: o Xapón (41%), o Reino Unido (41%), España (40%), o Canadá (35%), Dinamarca (34%), Australia (33%), Suecia (33%), Francia (31%), Países Baixos (30%), Alemaña (26%) e Bélxica (24%). 

Os datos deste ano, baixos de por si, contrastan cos recollidos o ano pasado. En todos os Estados analizados nesa edición e nesta de 2020 (Dinamarca e Bélxica non entraron na análise de 2019) as porcentaxes de aprobación baixaron máis de dez puntos: 12 en España e Suecia; 13 en Alemaña; 16 nos Países Baixos, no Canadá e no Reino Unido; 17 en Francia, en Australia e en Italia; 18 en Corea do Sur; e 27 no Xapón.

Influencia da pandemia

A tendencia á baixa rexistrouse durante todo o mandato de Trump, mais foi especialmente agudo durante este último ano. O Pew estabelece unha correlación coa xestión da pandemia: na media dos 13 Estados, tan só 15% considera que o Goberno dos EUA fixo un bo labor. En contraste, a maioría valora positivamente o papel da OMS e da UE. 

Ademais, agás no Reino Unido (46%), os enquisados aproban a xestión dos seus propios Gobernos estatais, con sobresalientes no Canadá, Australia, Dinamarca, Alemaña, Corea do Sur e Alemaña (por riba do 85%), e con aprobados raspados en España, Francia ou o Xapón. En Italia, un dos países máis afectados polo coronavirus e principal foco mundial durante moitas semanas, a opinión pública do país dálle un notábel (74%). E só en Italia apróbase (51%) o papel na crise sanitaria da China, país co que está a estreitar lazos nos últimos tempos.

A tendencia indica tamén que os Estados da UE ven con mellores ollos os EUA cando están gobernados por un presidente do Partido Demócrata, polo menos durante as últimas dúas décadas. Así, durante o mandato de Trump en xeral obsérvanse cifras de desaprobación similares ás obtidas por George W. Bush, máis altas nos oito anos de Barack Obama. 

Mais neste último estudo as cotas de aprobación do actual inquilino da Casa Branca chegan a niveis ínfimos a nivel mundial. No Xapón, con 25% de aprobación, e en Australia, con 23%,  é onde logra as mellores notas. Por detrás veñen o Canadá (20%), o Reino Unido (19%), os Países Baixos (18%), Corea do Sur (17%), España e Italia (16%), Suecia (15%), Francia (11%), Alemaña e Dinamarca (10%) e Bélxica (9%).

Suspensos para Trump, Xi, Putin e Johnson

O estudo do Pew, ademais de por Trump, tamén preguntou pola confianza noutros cinco líderes mundiais: a chanceler alemá, Angela Merkel, o presidente francés, Emmanuel Macron, o primeiro ministro británico, Boris Johnson, o presidente ruso, Vladimir Putin, e o presidente chinés, Xi Jinping. Trump é o que menos confianza ofrece dos seis.

Tamén Xi recibe notas moi negativas (19% de media). No Xapón, histórico rival, Xi (9%) conta mesmo con menos simpatías que Trump. A mellor porcentaxe lógraa nos Países Baixos (29%). Putin ten a confianza dunha media de 23%, obtendo a mellor nota en Italia (37%) e a peor en Dinamarca (12%). E é tamén a opinión pública italiana a que peor notas dá ─con moita diferenza─ aos líderes europeos: Merkel, 50% (para unha media de 76% no 13 Estados); Macron 35% (64% de media); e Johnson, 20% (48% de media).

comentarios