A China apóiase en Italia para abrir a UE

Italia, Países Baixos, Noruega, Francia e Alemaña son as cinco paradas do ministro de Exteriores chinés no seu periplo europeo. A loita contra a Covid, o desenvolvemento europeo, as relacións Beijing-Bruxelas e o multilateralismo mundial son os catro temas declarados. Mais na mesa tamén está Huawei e o 5G.
incontrodimaio_wangyi_2
photo_camera Os ministros de Exteriores chinés, Wang Yi, e italiano, Luigi Di Maio, a pasada terza feira en Roma (esteri.it)

O conselleiro de Estado e ministro de Asuntos Exteriores da China, Wang Yi, iniciou na terza feira en Italia unha xira por cinco Estados da UE, que o levarán a visitar tamén os Países Baixos, Noruega, Francia e Alemaña até o 1 de setembro. Esta é a súa primeira saída ao estranxeiro desde a aparición da Covid-19 e dáse nun momento en que a economía chinesa se está a recuperar con forza tras o período de confinamento. 

Antes de partir de Beijing, informa a axencia de noticias Xinhua, Wang enunciou os obxectivos principais: "continuar a loita contra a Covid-19 xunto ao continente europeo, apoiar a unidade e o desenvolvemento da rexión, promover as relacións China-Europa e impulsar a paz e o desenvolvemento mundiais". Como pano de fondo, a crecente tensión entre Washington e Beijing, e como meta máis concreta a adxudicación de contratos para a tecnoloxía 5G.

A presión estadounidense está a provocar que Huawei, o xigante chinés das telecomunicacións, estea a ser deixado de lado en Europa. O pasado 13 de agosto entrou en vigor o veto dos EUA a Huawei, tras caducar as últimas prórrogas concedidas durante o último ano informou The Washington Post.

En Europa, Alemaña decidirá o destino de Huawei en setembro; e en concordancia coa posición estadounidense, o Goberno británico prohibiu xa a compra de novos equipos da compañía a partir do próximo mes de decembro. 

Entrada por Italia

Non é casualidade que o Reino Unido non figure no periplo de Wang Yi. Como tampouco é casualidade que o inaugurase Italia, o único país da lista integrado oficialmente no proxecto de infraestrutura chinesa das "Novas Rutas da Seda" ou "Iniciativa da Faixa e da Ruta".

En marzo de 2019, o Goberno de coalición do Movemento 5 Estrelas e da Liga asinou un acordo de adhesión ao proxecto. Foi o primeiro dos países do G-7 e o maior dos Estados da UE en facelo (tamén o subscribiron Portugal, Grecia e Luxemburgo). 

O Global Times, xornal de temática internacional dependente do Diario do Pobo, a respecto da viaxe de Wang a Italia destacou este feito, ademais do envío de axuda médica por parte da China durante a crise sanitaria. 

O periódico recolleu tamén a análise de Cui Hongjian, director do Departamento de Estudos Europeos do Instituto da China para Estudos Internacionais. Considera que "malia Telecom Italia excluír recentemente o xigante tecnolóxico chinés Huawei do abastecemento de servizos 5G, foi unha decisión comercial que non politizou o asunto".

"Isto foi en contraste ao Reino Unido e aos EUA, onde a exclusión de Huawei foi considerada como unha decisión política, ao ligar Huawei con preocupacións en materia de seguridade", engadiu.

Para o ministro de Exteriores italiano, Luigi Di Maio, "foi unha reunión frutífera", segundo declarou na conferencia de prensa conxunta posterior. Engadiu que debateran como "relanzar a nosa colaboración estratéxica desde o punto de vista económico e industrial". 

Relación secular

A actual relación bilateral responde, segundo os analistas, á profunda insatisfacción de Roma con Bruxelas. Mais a atracción italiana cara a aquelas latitudes vén de vello. Remóntase ao século XIV, coa publicación de Il Milione, do viaxeiro veneciano Marco Polo. A conexión segue con Matteo Ricci, misioneiro xesuíta, que elaborou na China en 1602, a petición do emperador Wanli, o primeiro mapamundi que incluía territorios de Europa, África e América. E xa no século XX, a Italia fascista e o Goberno Nacional da China continuaron afondando nas relacións.

Na actualidade, Beijing ve en Italia a porta de entrada para mellorar a súa percepción en Europa. Tanto no continente como no resto do mundo non logra ser visto como un país atractivo. 

O conflito en Hong Kong, a ollos occidentais, non axuda. Tampouco os oficialmente chamados "centros de educación e formación profesional" de Xinjiang, os campos de internamento da minoría musulmá uigur que operan desde 2014 co fin ─argumenta Beijing─ de combater o extremismo islámico. 

En xullo de 2019, 22 países, incluídos Alemaña, España, Francia, os Países Baixos e o Reino Unido, entre outros países da UE, enviaron unha carta ao Consello dos Dereitos Humanos da ONU instando a China a fechar estes campamentos. Italia non estaba entre os países asinantes.

O sentimento antichinés continúa a medrar en Occidente e nas súas rexións de influencia

Un artigo da Academia de Ciencias da China, que saíu á luz a pasada primavera e que se titula Como responder mellor aos ataques contra a China, evoca "a hostilidade" que este país esperta na actualidade na maioría de Occidente. Tamén outro informe do Centro de Investigación de Seguridade do Estado considera que o sentimento antichinés no mundo nunca foi tan alto desde os sucesos de Tiananmen no ano 1989.

Ademais, segundo unha enquisa realizada en 2019 polo Pew Research Center, os EUA teñen unha mellor imaxe que China en 21 dos 30 países analizados. En Asia e no Pacífico, Beijing é visto máis como unha ameaza que como un aliado. Isto a pesar de que, segundo recolle o Observatorio de Política Chinesa en base aos datos oficiais publicados esta semana, o investimento directo non financeiro da China nos países da Faixa e da Ruta ascendeu a 10.270 millóns de dólares nos primeiros sete meses deste ano 2020, un incremento interanual total de 28,9%.

Comentarios