Investidura

Pedro Sánchez acepta o encargo de Filipe VI e apresentarase á investidura

Pedro Sánchez aceptou o encargo de apresentarse á sesión de investidura para lograr a presidencia do Estado. Así llo confirmou ao rei Filipe VI após este concluír as consultas coas forzas políticas con representación no Congreso que responderon afirmativamente á súa chamada. 
 
O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez (EP)
photo_camera O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez (EP)

A pesar de que aínda non se coñeza a data en que se realizará o debate da sesión de investidura no Congreso dos Deputados, o que si se confirmou é que Pedro Sánchez concorrerá para tentar ser designado presidente. Terza e cuarta feira tiveron lugar na Zarzuela as consultas de Filipe VI para coñecer se o líder da forza máis votada nas eleccións xerais de 10-N, Pedro Sánchez, tería apoios suficientes para ser investido presidente. Ao remate da rolda de xuntanzas, esta cuarta feira 11 de decembro, o rei considerou que Sánchez si ten posibilidades e emprazouno a procurar os apoios precisos. A resposta de Sánchez foi afirmativa e ningún outro líder político se postulara previamente para o cargo. 

Con todo, o aínda presidente en funcións necesita seguir negociando para gañar os votos dos nacionalismos, tal e como ficou patente após a rolda de consultas. De feito, non houbo cambios nas posturas das forzas  que acudiron á Zarzuela. 

Hoxe, o monarca recibiu as e os representantes de Izquierda Unida, En Comú Podem, PNV, Junts, Cs, Podemos, Vox e PP. Onte xa se reunira con Teruel Existe, o Partido Regionalista Cántabro, Compromís, Unión del Pueblo Navarro, Nueva Canarias e Coalición Canaria, Galicia en Común e Más País-Equo. 

Os apoios de Sánchez

As representantes dos partidos e confluencias de Unidas Podemos que visitaron o rei amosáronse optimistas co avance das negociacións entre o PSOE e ERC, e sinalaron que apenas fican algúns aspectos pendentes para alcanzar un acordo de investidura. Pablo Iglesias afirmou ao saír da Zarzuela que "as negociacións implican dificultades, mais a nosa sensación é que, con toda a prudencia e todos os matices, camiñamos na boa dirección”. Na mesma liña expresouse Alberto Garzón (IU), quen pediu “calma e paciencia” para levar a bon porto as negociacións.

Pola súa banda, o portavoz de En Comú Podem, Jaume Asens, urxiu ERC e Junts a pechar xa un acordo co PSOE. Nese sentido, pediu ao soberanismo que se limite a aceptar a creación dunha mesa de diálogo e deixe para máis adiante os detalles sobre a súa composición, porque son cuestións "secundarias".

Tempo tamén foi o que pediu Yolanda Díaz, de Galicia en Común, após ser recibida en Zarzuela polo xefe do Estado. A deputada ferrolá defendeu o voto favorábel á investidura de Sánchez subliñando o "reto histórico" que suporá conformar por primeira vez un goberno de coalición no Estado español. 

Íñigo Errejón avanzou ao rei que os seus dous deputados manteñen a "vontade" de votar a favor da investidura.

Os partidos non estatais seguen negociando

Contra as 10.20 horas deste 11 de decembro, Filipe VI recibía Aitor Esteban, portavoz do PNV no Congreso, quen afirmou que ve as posibilidades da investidura “progresando e saíndo adiante", pese a que aínda están en negociacións coa equipa de Sánchez. Con todo, a formación jeltzale, que apoia as negociacións entre o PSOE e ERC, considera que os partidos cataláns precisan tempo e garantías dos compromisos que se alcancen para daren o seu apoio. 

A portavoz no Congreso de Junts, Laura Borràs, explicou que dedicou gran parte dos 50 minutos de audiencia que tivo co xefe do Estado a falar do cenario que provocou a sentenza do procés, mais declinou desvelar que lle dixo o monarca. "Vou ao seu espazo, coas súas regras do xogo, e resérvome, como me pediu, a privacidade das súas respostas", alegou, limitándose a sinalar que discutiron "moito".

O deputado de Compromís, Joan Baldoví, mostrouse optimista sobre a posibilidade de pechar un acordo para apoiar o PSOE, mentres que o PRC condiciona o seu voto a que Sánchez non acorde indultos a presas catalás nin referendos. Nesa mesma liña amosouse Ana Oramas (CC), quen pediu coñecer os compromisos do PSOE con ERC para valorar o seu apoio. A Nova Canarias de Pedro Quevedo ve con moitas posibilidades a investidura.

Tomás  Guitarte, de Teruel Existe, afirmou que están en negociacións mais que previsibelmente apoiarán Sánchez.

Cs, PP e Vox non apresentan candidato

A pesar de que populares, Cs e Vox xa pactaron gobernos en comunidades e concellos, os votos non lles dan para postular candidatura á presidencia do Estado. 

O líder do PP, Pablo Casado, trasladou ao rei que, con toda seguridade, votará en contra da candidatura do actual presidente en funcións. "Se Sánchez fracasa, debe deixar paso", resaltou ao saír da Zarzuela.

Santiago Abascal afirmou ao saír da Zarzuela que o “frente popular” en referencia a un posíbel Goberno que dependa dos votos soberanistas, é “unha declaración de guerra”. 

A portavoz de Ciudadanos no Congreso, Inés Arrimadas, defendeu ante o rei a proposta dun pacto entre o PSOE, PP e Cs non só para investir Pedro Sánchez, senón para ofrecer "estabilidade" a España. Desta maneira Cs quere impedir que o PSOE poida chegar a pactos coas formacións nacionalistas.

Javier Esparza (UPN) trasladou a Filipe VI que dará un "non rotundo" á investidura de Sánchez se é para formar un goberno que dependa do independentismo. 

As forzas soberanistas que rexeitaron visitar o Rei

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comunicou que non participaría da rolda de consultas de Filipe VI sobre a investidura do presidente do Goberno central. “Nun momento de profunda involución democrática no Estado, en que se están a pór en cuestión dereitos fundamentais e liberdades públicas, Filipe de Borbón asumiu un rol determinante nese proceso, especialmente contra as nacións que facemos parte deste Estado e contra o exercicio dos dereitos colectivos, como é o de autodeterminación”, salientou a executiva nacional do Bloque a semana pasada.

Do mesmo xeito, nin EH Bildu, nin Esquerra Republicana e na CUP acudiron á Zarzuela. As forzas catalás cargaron contra o Monarca polo seu discurso após o referendo de 1 de outubro.

En canto ao voto destas formacións na investidura, o Bloque continúa negociando sobre unha axenda galega e democrática, mentres que ERC e PSOE terán unha nova comisión negociadora para avanzar na investidura e na resolución do conflito catalán. Bildu critica que o aspirante á presidencia non se poña en contacto con elas, e alerta do perigo de que se dea paso á ultradereita. A CUP xa anunciou ou seu voto en contra. 
 


 

Comentarios