Patrimonio Nacional pagou o mantemento da casa de Corinna e os seguros dos coches de luxo do rei emérito

Juan Carlos utilizou o organismo para pagar todo tipo de gastos fóra da partida que a Moncloa asigna anualmente á monarquía

Os reis eméritos, Juan Carlos e Sofía, cos monarcas actuais, Felipe e Letizia. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os reis eméritos, Juan Carlos e Sofía, cos monarcas actuais, Felipe e Letizia. (Foto: Europa Press)

Ano tras ano, o orzamento reflicte unha partida dedicada á monarquía -este ano é de 8,4 millóns de euros-, pero esta cifra non é a única que recibe a monarquía dos fondos públicos. Nese concepto hai que incluir o diñeiro que os ministerios gastan en servizos relacionados coa coroa.

Neste sentido, os custos de seguridade son pagados por Interior e Defensa; a axenda internacional está a cargo de Asuntos Exteriores; e Patrimonio Nacional, que depende da Presidencia, asume todo tipo de contas.

Segundo vén de publicar eldiario.es, este organismo pagou os salarios da comitiva de Juan Carlos I nos Emiratos Árabes Unidos, así como os gastos derivados da súa estadía.

Pero este caixón de xastre non remata aí, hai facturas de todo tipo. O xornal tamén revela que Patrimonio Nacional pagou unha indemnización polo despedimento inxusto da tripulación do iate Fortuna, cando Juan Carlos o vendeu. O custo total foi de 600.000 euros.

O organismo tamén se ocupou do mantemento da casa onde vivía Corinna Larsen en Madrid, a finca La Angorrilla.

Outras facturas inclúen o seguro de coche de luxo, incluído un Ferrari e Rolls Royce, que o ex rei español recibiu dalgunhas ditaduras do Golfo Pérsico.

Comentarios