O Parlamento turco debate a entrada de Suecia na OTAN

O ingreso sueco, en mans de Hungría

Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN, a pasada semana. (Foto: Faruk Pinjo / World Economic Forum / DPA)
photo_camera Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN, a pasada semana. (Foto: Faruk Pinjo / World Economic Forum / DPA)

O lexislativo de Turquía prevé aprobar hoxe a ratificación do ingreso de Suecia na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) tras atrasar máis dun ano o presidente Recep Tayyip Erdogan a decisión. A sesión parlamentaria estaba en marcha á hora do feche desta edición.

Erdogan reclamou ao país nórdico a extradición de varios activistas kurdos, que o Goberno turco cualifica de terroristas, mudanzas nas súas leis antiterroristas e mailo desbloqueo estadounidense á venda de avións de combate F-16 a Ancara.

En Hungría, o único Estado que ficaría pendente de dar luz verde ao acceso de Estocolmo á alianza militar liderada polos Estados Unidos, o primeiro ministro, o ultradereitista Viktor Orbán, emitiu un convite ao seu homólogo sueco, Ulf Kristersson, para abordar o asunto.

Asemade, a OTAN fixo público que asinou un contrato de 1.100 millóns de euros para a compra de municións de artillaría para repor os seus arsenais e enviar a Ucraína. Non obstante, as primeiras entregas agárdanse a finais de 2025.

Comentarios