Paraguai decide este domingo entre o cambio e perpetuar a hexemonía de décadas dos colorados

As enquisas apuntan un empate técnico entre Santiago Peña, candidato do partido gobernante, e o opositor Efraín Alegre, a quen algunhas sondaxes conceden unha lixeira vantaxe.
Unha muller camiña ante unha pancarta electoral do candidato presidencial de Paraguai Efraín Alegre. (Foto: Andre M. Chang).
photo_camera Unha muller camiña ante unha pancarta electoral do candidato presidencial de Paraguai Efraín Alegre. (Foto: Andre M. Chang).

Paraguai acode este domingo 30 de abril ás urnas para elixir novo presidente entre o continuísmo de Santiago Peña e a súa formación, o conservador Partido Colorado, e a Concertación, unha coalición con forzas de esquerda encabezada polo xa tres veces candidato Efraín Alegre.

As diferenzas entre sondaxes, a falta de debates televisivos, e a forte polarización da sociedade marcan unhas eleccións nas que, sen segunda quenda no envite presidencial, uns 4,8 millóns de paraguaios –repartidos en varios países do mundo– tamén elixirán a composición das dúas cámaras do Congreso, os gobernadores dos 17 departamentos e as súas xuntas gobernamentais.

Partido Colorado

A proposta da Asociación Nacional Republicana (ARN) –máis coñecido como Partido Colorado– é Santiago Peña, ex ministro de Facenda e aposta do ex presidente Horacio Cartes. Esta formación gobernou Paraguai practicamente sen interrupción desde hai máis de sete décadas.

A defensa dos valores tradicionais e o combate á inseguridade foron os dous principais mantras da campaña de Peña, así como a creación de medio millón de empregos, baixar o prezo dos combustíbeis e facilitar o acceso á vivenda.

Efraín Alegre

A oposición, pola súa banda, está liderada por Efraín Alegre, quen foi ministro de Obras Públicas durante o único mandato de esquerdas da historia recente de Paraguai, o de Fernando Lugo, destituído polo Congreso.

Alegre apelou ao cambio para "saír de décadas de Gobernos colorados e poñer en marcha reformas coas que achegar a saúde, a educación, e internet, a amplos sectores da sociedade". Axudas para o sector agrícola, as nais solteiras, ou novas políticas para loitar contra a corrupción e a violencia contra as mulleres, son outras das súas propostas.

Prognósticos

Polo que respecta ás enquisas, oscilan entre un empate técnico entre Peña e Alegre e unha vitoria axustada deste último, que se impoñería por unha escasa marxe de votos, entre un 1 e un 3%, como marca, por exemplo, a empresa de análise AtlasIntel.

Segundo estes datos, Alegre tería un 34,3% dos votos, seguido moi de perto de Peña, co 32,8%. En terceiro lugar destaca o ascenso do candidato de Cruzada Nacional, Paraguayo Cubas, que alcanzaría o 23% dos apoios, oito puntos máis dos que lle outorgaba a enquisa de hai un mes.

Máis atrás quedan as candidaturas do varias veces ministro Euclides Acevedo –3%–, ou a do que fora porteiro de fútbol da Selección de Paraguai e mais de varios clubs, José Luis Chilavert –1,2%–.

Comentarios