martes 19/01/21

Optimismo ante a efectividade da vacina de Pfizer/BioNTech contra as novas cepas

Os resultados previos foron positivos con 16 mutacións do coronavirus, segundo un estudo realizado pola farmacéutica estadounidense.
Un frasco co remedio contra a Covid-19 elaborado por Pfizer (Foto: Robert Michael / dpa)
Un frasco co remedio contra a Covid-19 elaborado por Pfizer (Foto: Robert Michael / dpa)

A vacina de Pfizer/BioNTech contra a Covid-19 parece funcionar contra unha mutación chave nas novas variantes altamente transmisíbeis do coronavirus descubertas no Reino Unido e en Suráfrica, segundo un estudo de laboratorio realizado pola farmacéutica estadounidense e feito público hoxe.

O estudo, aínda non homologado e realizado por Pfizer e científicos da rama médica da Universidade de Texas, indica que a vacina é eficaz para neutralizar o virus na chamada mutación N501E da proteína da espícula. Esta podería ser responsábel dunha maior transmisibilidade e acendeu as alarmas sobre a posibilidade de que tamén puidese permitir ao virus fuxir da neutralización de anticorpos provocada pola vacina, segundo afirmou Phil Dormitzer, un dos principais científicos do fármaco de Pfizer.

O estudo levouse a cabo con sangue extraído de persoas xa inoculadas. As conclusións, non obstante, son limitadas, porque non se analizou o conxunto completo de mutacións atopadas en ningunha das novas variantes do coronavirus.

Dormitzer dixo que os resultados contra esta e outras 15 mutacións coas que ensaiaran previamente eran alentadores. "Así que agora probamos 16 mutacións diferentes, e ningunha delas tivo realmente un impacto significativo. Esa é a boa noticia", dixo, mais matizou que "iso non significa que a décimo sétima non o faga."

O científico sinalou que outra mutación atopada na variante surafricana, chamada E484K, tamén resultaba preocupante. Neste sentido, os investigadores planean realizar probas similares para ver se a vacina é efectiva contra outras mutacións  atopadas nas variantes británicas e surafricanas e agardan ter máis datos en semanas.

Nova adquisición da UE

Por outra banda, a Comisión Europea anunciou hoxe a compra de 300 millóns de doses adicionais da vacina de Pfizer/BioNTech, duplicando as existencias na UE. Segundo explicou a presidenta do Executico, Ursula von der Leyen, agárdase que 75 millóns destas doses estean dispoñíbeis xa no segundo trimestre do ano, mentres que o resto chegarían no terceiro e cuarto trimestres.

"A vantaxe desta noticia é que xa temos un contrato fechado, non necesitamos longas negociacións, xa está aprobado, polo tanto o proceso de autorización está feito, e os Estados membros coñéceno e saben como xestionalo", asegurou. Ademais, defendeu a aposta da Comisión por seis candidatas da vacina de entre 160, coa lóxica de ter un amplo abano de opcións. 

comentarios