Vagaroso arranque da vacinación na UE

A presión interna dentro dos Estados membros da UE pola falta de rapidez no proceso de inoculación contra a Covid-19 trasladouse tamén a Bruxelas. Cuestiónase a política de compra diversificada de diferentes vacinas. Desde a Comisión defenden a cautela e que a idea foi "non pór todos os ovos nun mesmo cesto".
EuropaPress_3503980_handout_05_january_2021_austria_klagenfurt_an_elderly_woman_receives
photo_camera Unha enfermeira administra a vacina de Pfizer/BioNTech a unha muller residente nun centro de maiores de Klagenfurt (Austria), onte (Walter Fritz / LPD)

"Non creo que o problema sexa realmente o número de vacinas, é o feito de que estamos ao comezo do proceso", afirmaba nas últimas horas o portavoz xefe da Comisión Europea, Eric Mamer, ante as críticas recibidas pola suposta carencia de doses da vacina contra a Covid-19. "Estamos a xulgar isto como se a campaña xa rematase; en realidade a campaña acaba de comezar".

En Finlandia, por exemplo, as autoridades sanitarias manifestaron a súa insatisfacción tras recibir 40.000 doses en decembro no canto das 300.000 que se agardaban, segundo informou YLE, a radiotelevisión pública do país. 

Foron varios os Gobernos da Unión Europea que desviaron cara a Bruxelas as críticas dentro dos Estados polo lento arranque da campaña de vacinación. Tamén, nos máis descentralizados, a lea política estase a enfocar na diferente eficiencia duns e doutros territorios na aplicación das vacinas xa no seu poder.

"É difícil de explicar que unha moi boa vacina sexa desenvolvida en Alemaña [a de Pfizer/BioNTech], mais que sexa inoculada máis rapidamente noutros lugares", censuraba o primeiro ministro de Baviera, Markus Söder, nunha entrevista publicada por Bild na fin de semana. 

E noutra entrevista en Der Spiegel, publicada tamén na fin de semana, o conselleiro delegado de BioNTech, Uğur Şahin, declaraba que a política de compra da UE contribuíu en parte ao atraso da entrega. En concreto, sinalou que traballar con Bruxelas "non é tan rápido nin tan directo" como noutras partes do mundo, e criticou a decisión da Comisión de dividir a compra de vacinas entre diferentes compañías. 

Ante as acusacións de burocracia, Mamer salientou que para a UE a cautela e a seguridade debían primar no proceso. E a respecto da diversificación, o portavoz da Comisión en temas sanitarios, Stefan de Keersmaecker, sinalou que a filosofía seguida foi "non pór todos os nosos ovos nun mesmo cesto".

Moderna, hoxe

A Comisión asinou seis contratos con Moderna, AstraZeneca, Sanofi-GSK, Janssen Pharmaceutica NV, CureVac e Pfizer/BioNTech. Desta última, a única que conta coa aprobación por parte da Axencia Europea do Medicamento (EMA, en inglés), adquiríronse 200 millóns de doses coa opción a 100 millóns máis. De AstraZeneca 300 millóns coa opción a 100 millóns máis; e de Moderna 80 millóns doses, con opción a 80 millóns máis. A UE conta cunha poboación de 450 millóns de persoas.

Precisamente, a EMA reuniuse na segunda feira para analizar a vacina de Moderna. A sesión "non concluíu", segundo comunicou a través da súa conta do Twitter sen dar maiores explicacións, e deixouse para hoxe, día en que está previsto que reciba a autorización.

O caso é que ante a escaseza inicial de vacinas de Pfizer/BioNTech e mentres se aumenta a capacidade de produción e se autoriza o uso doutras hai Estados que valoran modificar a estratexia de vacinación. Por exemplo, Alemaña e Bélxica estudan administrar a primeira inxección a máis xente ao principio e postergar a segunda máis aló dos 21 días prescritos.

Ao respecto, Sophie Labbe, portavoz da EMA, sinalou en declaracións á axencia de noticias EFE que "as persoas vacinadas non poden estar completamente protexidas até sete días despois da súa segunda dose". Tamén onte o laboratorio BioNTech advertiu que a eficacia máxima da vacina non estaba garantida de se atrasar a administración da segunda inxección, tal e como indicara Pfizer tras os ensaios clínicos.

Cifras de vacinación

Alemaña, con todo, é o Estado máis avanzado no proceso de inoculación, con arredor de 265.000 inxeccións postas das 1,3 millóns das vacinas recibidas. En Francia, polo contrario, até a fin de semana tan só foran vacinadas medio cento de persoas, segundo o Journal de Dimanche, o que provocou fortes críticas a dereita e a esquerda. 

En Italia, inoculáronse 120.000 das 450.000 doses dispoñíbeis, cifra que para a extrema dereita dos Fratelli d'Italia é insuficiente. Na fin de semana, informou La Repubblica, lanzaron unha recollida de sinatura para presentar unha moción de censura contra o primeiro ministro, Giuseppe Conte: no primeiro día conseguiron 100.000 firmas.

En España, as cifras son similares ás italianas: 100.000 de 350.000. Mentres, en Portugal a campaña comezou esta semana, e nos Países Baixos adiantouse a hoxe ante as críticas internas. 

En declaracións ao Financial Times, o responsábel de saúde pública da Universidade de Copenhaguen, Flemming Konradsen, afirmou ao respecto: "A nosa capacidade para administrar e distribuír a vacina non está asentada aínda en Europa; con certeza estamos a ver unha diversidade considerábel na execución".

Vacinas a piques de caducar nos EUA

Tamén nos EUA, autoridades federais, estatais e locais acúsanse da lentitude no proceso, informa The New York Times. A Casa Branca calculaba a vacinación de 20 millóns de persoas en 2020, mais só se chegou a 4 millóns. E das 2,5 millóns de doses enviadas aos centros de maiores, só se usaron 365.294.

Comentarios