A oligarquía do Perú trata de manter a Castillo preso

Tensa calma da oposición conservadora lexislativa e xudicial coa nova presidenta peruana, Dina Boluarte, despois de atacala como vicepresidenta de Pedro Castillo. Ao tempo, a Fiscalía busca mecanismos para que o ex presidente siga detido, algo cuestionado polos expertos.
Seguidores de Castillo reclamaron a súa liberación a cuarta feira diante da prefectura na que foi apresado. (Foto: Juan Zapata)
photo_camera Seguidores de Castillo reclamaron a súa liberación a cuarta feira diante da prefectura na que foi apresado. (Foto: Juan Zapata)

“A oposición aplaude por agora, pero a designación de ministros pode determinar o tempo que dura esta lúa de mel”, concluíu a quinta feira o xornal peruano La República, en referencia a Dina Boluarte, a ex vicepresidenta e nova presidenta do país e a primeira muller que chega ao posto, que se fixo co poder despois da sucesión de eventos da cuarta feira, na que o Congreso destituíu o mandatario Pedro Castillo despois de que intentara disolver o lexislativo, acabando por ser detido.

Durante a súa investidura, Boluarte reclamou unha “tregua” á oposición e fixo un chamamento a “un amplo proceso de diálogo entre todas as forzas políticas”, recoñecendo que foi algo “impracticábel nos últimos meses” e asegurando que contará con representación no gabinete de todas as forzas democráticas.

A flamante presidenta cualificou o intento de Castillo de convocar novas eleccións lexislativas de carácter constituínte como unha tentativa de golpe de Estado, despois de retirarlle pouco antes o seu apoio, comprometéndose a loitar contra a corrupción e permitindo o acceso das forzas de seguridade ao Palacio de Goberno para buscar probas contra o deposto presidente.

Boluarte, elixida como vicepresidenta polo partido marxista leninista Perú Libre, e, como Castillo, expulsada da formación este ano, xurou o cargo até 2026, cando tería que rematar o mandato do ex presidente, acabando coa posibilidade reclamada polos seus seguidores de que convocara eleccións xerais para tratar de acabar coa crise política instalada desde 2018 no país. Desde ese ano, Boluarte é a sexta presidenta que asume o cargo.

A pesar do apoio da oposición conservadora para acabar politicamente con Castillo, Boluarte tamén padeceu a persecución do lexislativo e do xudicial -aínda que en menor medida que Castillo- durante o último ano e medio, sendo acusada de recibir doazóns ilegais para o seu partido ou de incompatibilidades co seu traballo previo como funcionaria pública. Asemade, as primeiras voces da oposición xa lle reclamaron que convoque eleccións xerais.

Pouco despois da investidura reuniuse con membros do Poder Xudicial, incluída a Fiscal Xeral Patricia Benavides, que chegou a presentar unha denuncia constitucional contra Castillo acusándoo de liderar unha organización criminal por supostas adxudicacións irregulares. O Executivo denunciara pouco antes as irmás de Benavides, ambas as dúas xuízas, atribuíndolles delitos como liberar narcotraficantes a cambio de subornos.

Persecución contra Castillo

Despois da detención a cuarta feira de Castillo nunha prefectura de Lima, milleiros de persoas achegáronse ao lugar para exixir a súa liberación e o feche do Congreso, o que levou as autoridades policiais a trasladalo ao penal de Barbadillo, onde está preso o ex ditador Alberto Fujimori.

Aínda que as sete demandas que tramitaba a Xustiza peruana por corrupción contra el non xustifican a súa detención, segundo desvelou a avogada Jackeline López a Perú Legal, Benavides e a Fiscalía Xeral asumiron rapidamente a investigación para tratar de acusalo por rebelión e conspiración e mantelo en prisión, reclamando a Corte Suprema que permita a súa detención preliminar durante sete días para continuar investigando.

O avogado de Castillo e ex primeiro ministro, Aníbal Torres, defendeu que o Ministerio Público está a vulnerar a legalidade ao non imputalo formalmente de ningún delito polo de agora. O xuíz Juan Carlos Checkley Soria confirmou en poucas horas que aceptaba a petición de manter o ex presidente no cárcere.

México e Colombia exixen respecto aos dereitos humanos

O presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, comunicou que Castillo se dirixía a cuarta feira á súa embaixada en Lima cando foi detido, sinalando que “seguramente xa tiñan intervido o seu teléfono” e que as forzas de seguridade peruanas “tomaron a embaixada” para que non puidera recibir asilo.

O mandatario solicitou que se respecten os dereitos humanos de Castillo e da súa familia, indicando que a “presidencia lexítima” de Castillo enfrontouse ás elites que impulsaron “un ambiente de confrontación e hostilidade na súa contra até levalo a tomar decisións que lle serviron aos seus adversarios para consumar a súa destitución”, desde que “gañou foi vítima de acoso”, resolveu.

Pola súa parte, o presidente de Colombia, Gustavo Petro, apuntou que Castillo se trabucou na súa decisión de decretar a disolución do Congreso, apuntando que “a antidemocracia non se combate con antidemocracia” aínda que o ex mandatario foi atacado “desde o primeiro día” polas súas orixes humildes, afirmando que as elites xa “decidiran destituílo sen respectar a vontade popular”, por medio da “eliminación do contrincante”.

Nese sentido, instou a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos a “expedir medidas provisionais en favor do presidente Pedro Castillo”, subliñando que “foi conculcado o dereito a elixir e ser elixido e a ter un tribunal independente”.

A decisión de Castillo de convocar novas eleccións parlamentares chegou con posterioridade a que o Congreso negara a confianza a un dos seus gabinetes, cando a Constitución marca en dous rexeitamentos o punto a partir do que pode tomar esa medida. Porén, tanto o lexislativo como o Tribunal Constitucional tomaron decisións contrarias ao texto constitucional para bloquear o traballo político de Castillo.

Comentarios