A violencia que non cesa: unha de cada dúas mortes por terrorismo no mundo prodúcese na África subsahariana

A ONU advirte que grupos terroristas como Daesh ou Boko Haram "aproveitan os baleiros de poder e a inestabilidade" de países como Somalia ou a República Democrática do Congo para expandir a súa vaga de terror.
Un comando de Boko Haram en Nixeria. (Foto: AFP)
photo_camera Un comando de Boko Haram en Nixeria. (Foto: AFP)

Unha de cada dúas mortes atribuídas a grupos terroristas prodúcese nos países que integran a chamada África subsahariana. Son, en concreto, 48% das persoas asasinadas, segundo vén de apuntar o secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, nunha nova reunión do Pacto Global da ONU de Coordinación contra o Terrorismo.

"Grupos como Al Qaeda, o Estado Islámico de Iraq e Siria (ISIS), o Daesh e mais os seus afiliados seguen a medrar no Sahel e facendo incursións en África Central e Meridional. Aproveitan os baleiros de poder, as loitas étnicas de longa duración, as debilidades internas e a fraxilidade dos estados", afirmou Guterres.

Aliás, subliñou que en países afectados actualmente por conflitos bélicos, como República Democrática do Congo, Libia ou Somalia, o terrorismo "intensificou os ciclos de violencia" e alimentou "unha maior inestabilidade", dificultando os obxectivos de paz e de desenvolvemento destas rexións.

E máis aló da fraxilidade das institucións de goberno, desde a ONU alertan de que estas accións terroristas aumentan "a desigualdade, a pobreza, a fame e a inxustiza", o que finalmente propicia, asegura Guterres, o recrutamento de terroristas e o extremismo violento.

O secretario xeral da ONU fixo énfase tamén en que en países maioritariamente pacíficos do continente africano, como Mozambique ou Tanzania, os terroristas tentan agora "explotar e manipular os agravios da sociedade e a desconfianza nos gobernos".

Unha ollada optimista

Guterres, con todo, amosouse optimista a respecto desta situación e puxo como exemplo o estado de Borno, en Nixeira, unha rexión que fora noutrora bastión de Boko Haram e que agora está "en vías de reconciliación e reintegración".

"Impresionáronme moito as reunións que mantiven con antigos combatentes nun dos centros, os encontros que mantiven coas vítimas e esta sensación de que Boko Haram, que naceu no estado de Borno, está agora perdendo claramente terreo porque a xente asumiu en gran medida, por si mesma, a capacidade de socavar o labor e as accións terroristas de Boko Haram", resaltou o máximo responsábel da ONU.

Comentarios